Menu Xerais

«Etiqueta para todos»: «pequeno gran libro»

Manuel Rodríguez Alonso publica en «Cartafol de libros» de Vieiros unha crítica de Etiqueta para todos. Manual de regulares maneiras pero de bastante educación para a cidadanía de Irene Pérez Pintos.

PEQUENO GRAN LIBRO

A palabra etiqueta adoita ter un sentido pexorativo de conxunto de cerimonias ou regras un tanto absurdas que se seguen nos actos públicos ou coas persoas con quen non se ten confianza. Pero neste libro a etiqueta é realmente un manual de bo comportamente para cativos e grandes e, como indica axeitadamente o subtítulo, un manual de regulares maneiras e bastante educación para a cidadanía. Non podía ser menos xa que vén da man dunha persoa que na lapela se amosa como voceira dunha asociación como os Amigos da Revolución francesa.
O libriño comeza dun xeito moi adecuado cunha definición de educación, que é caracterizada como algo absolutamente necesario para a existencia dunha sociedade civilizada e democrática. Por outra banda, esta educación incide na felicidade e benestar de todos. A educación, xa que logo, é algo absolutamente útil e non un simple adorno.
Tras este comezo, o libro discorre por seccións como o control dos instintos (para non molestar o outro), os bos modos e a racionalidade nas comidas, as posturas e ata o saúdo. Non falta a ironía e o humor nestes consellos sobre a boa educación. Salientemos a caricatura que se fai do convidado que protesta sempre porque a comida ten pouco ou moito sal ou sabe a queimado, sen decatarse que a primeira obriga dun convidado é agradecer que alguén cociñe para el. A sección que dedica eufemisticamente aos humores é outro logro. Os consellos sobre o vestiario ou a comida volven ser unha mostra de unión de estética, bo gusto e coidado da saúde.
Así mesmo hai unha educación lingüística, pois nestes tempos en que se usa en todos os contextos e situacións un rexistro coloquial e vulgar, a autora propón o rexistro lingüístico adecuado a cada situación e contexto. Débese ler, especialmente por parte de profesores, o capituliño dedicado ás formas de tratamento, onde hai unha reivindicación clara e contundente do emprego do vostede.
Pero a boa educación, a etiqueta non só é algo estético, senón tamén social. A autora considera tamén mala educación o maltrato ao animais e mais as diferenzas de clase ou unha sociedade en que os millonarios tiran os cartos, mentres morren de fame millóns de persoas. Non é etiqueta nin boa educación presentar nas revistas do corazón como tiran os cartos os famosos, mentres pasa fame máis de medio mundo. Tampouco son persoas educadas, por moi bos modos que teñan, os ditadores, os mafiosos ou os torturadores.
A lingua do libro é axeitada ao propósito didáctico que persegue, cunha sintaxe de oracións sinxelas, curtas e cunha orde lóxica de suxeito, verbo e complementos. As normas de educación que propón son claras e tallantes, mais sempre razoadas. Non falta, como xa vimos a ironía, como ao falar dos e das órganos xenitais (páx.24).
En fin, neste novo comezo de curso é un libro que debe ser lido e comentado nos cursos de Educación Primaria e así mesmo nos da Educación Secundaria Obrigatoria. Por outra banda, o libro insírese na tradición do ensino laico, que parte da Revolución francesa, que cómpre recuperar canto antes nestes tempos de confesionalidades e teocracias varias. Neste sentido resulta tamén un acerto o deseño de libro, en forma de pequeno catecismo, como os catecismos cívicos liberais e progresistas do século XIX. Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados