Menu Xerais

Faleceu a escritora Anisia Miranda

A dirección e o cadro de persoal de Xerais expresa o seu pesar polo falecemento hoxe da escritora Anisia Miranda, vicepresidenta da Fundación Xosé Neira Vilas e cofundadora xunto co seu marido da editorial «Follas Novas» e de tantas outras iniciativas de promoción do libro galego na emigración.

Nacida en Ciego de Avila (Cuba) o 30 de decembro de 1932, era filla de emigrantes ourensáns. Estudou Maxisterio e Xornalismo na Habana. Trasladouse cos seus pais a Bos Aires en 1953, cidade onde ampliou os seus estudos e coñeceu a Xosé Neira Vilas. Casaron en 1957, ano no que fundaron «Follas Novas», distribuidora do libro galego en América, que despois sería tamén editorial. Dende o principio da súa residencia en Arxentina, vencellouse á cultura galega. Asistiu as clases patrocinadas pala Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA) que dictaban Ramón de Valenzuela (Xeografia Galega), Alberto Vilanova (Historia de Galicia),  Rafael Dieste (Literatura Galega),  Eduardo Blanco Amor (Idioma Galego) e Antonio Baltar (Economía de Galicia). Traduciu para o galego poemas de autores latinoamericanos: José Martí, Rubén Darío, Amado Nervo, e ao norteamericano Walt Whitman. Todas foron aparecendo en publicacións galegas de Bos Aires.

Voltou a Cuba co seu home, en 1961. Traballou con Alejo Carpentier na redacción da revista Pueblo y cultura, e mais tarde como coordinadora nacional de edicións de libros para nenos e adolescentes, ademais de levar a administración da editorial por un tempo. Desempeñouse como xefa de redacción do semanario infantil Pionero. Foi cofundadora e xefa de redacción das revistas para nenos Zunzun e Bijirita. Colaborou en varias publicacións periódicas, dirixiu un programa de radio, actuou como xurado en diversos concursos.

No eido da creación literaria foi autora de obras de poesía, narrativa, teatro, viaxes e biografía. En teatro e narrativa obtivo importantes premios en Cuba, entre os que salientan tres premios “La Edad de Oro”, teatro para nenos e adolescentes; e o Premio Nacional “Ismaelillo” de la Unión de Escritores e Artistas de Cuba. Dalgúns dos seus libros lévanse publicados en Cuba centos de milleiros de exemplares. Parte da súa obra está traducida ao eslovaco. Recibiu a medalla Raul Gómez García da Unión de Escritores e Artistas de Cuba e a medalla poIa Cultura Nacional do Ministerio de Cultura de Cuba. Foille conferida a medalla Ho Chi Minh e a Orden da Amizade otorgada polo Consello de Ministros de Viet Nam, polo seu traballo de solidariedade con aquel país.  En 1992 radicouse co seu marido en Galicia, asumindo a vicepresidencia da Fundación Xosé Neira Vilas.

En galego publicou unha importante obra dirixida ao público infantil, a maior parte en Ediciós do Castro: Pardela amiga, Cantarolas, Os contos do Compay Grilo, A primeira aventura, A casa dos títeres, A volta do Compay Grilo e Mitos e lendas da vella Grecia. Na colección Merlín de Xerais publicou en 1995 unha reedición de Cantarolas, na que incluíu unha ducia dos seus poemas para nenos e nenas escritos en galego.

O enterro de Anisia Miranda celebrarase mañán venres en Gres na estrita intimidade por vontade expresa da familia. Unha apreta fonda para o noso amigo Xosé Neira Vilas.

Hai 1 comentario. Engade o teu.

Brétemas » Morreu Anisia Miranda

[...] de tristeza o pasamento de Anisia Miranda, a compañeira de vida de Pepe Neira Vilas. Repasando o seu currículum comprobamos que desenvolveu [...]