Menu Xerais

A novela de Vigo. Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «Os fillos do mar», de Pedro Feijoo

O critico Xosé Manuel Eyré publica en Galicia Confidencial unha crítica sobre Os fillos do mar de Pedro Feijoo.

 

A novela de Vigo

X.M. Eyré fala esta semana de ‘Os fillos do mar’, unha obra de Pedro Feijoo, editada por Xerais, e que retrata o espírito da cidade olívica.

Cando unha novela cumpre o vello axioma latino, docere et delectare, adoita ser un título deses que hai que ter moi en conta. E así é esta de Pedro Feijoo, autor do que pouco máis sabiamos ca polo relato de do certame Os Viadutos que Xerais publica neste 2012, no eido da ficción, de xeito que se pode dicir que esta novela constitúe a súa estrea. O cal é unha extraordinaria noticia, porque ademais de unha novela da que moito se está comentando é tamén a presentación dun autor a ter moi en conta de aquí en diante.
Mais antes de continuar premítasenos dicir que Os fillos do mar é unha novela de Vigo, a novela de Vigo por excelencia. Son as súas rúas as que percorren as personaxes e é, do que levamos lido, a mellor novela neste aspecto. E son vigueses  a meirande parte dos seus protagonistas. Vigueses de clase social acomodada e vigueses de clase social media, vigueses de hoxe vigueses cando o remate do Alzamento Nacional franquista e primeiros pasos da Segunda Guerra Mundial. Clase media autóctona e clase alta de procedencia foránea.
Había que dicilo porque boa parte do que se “ensina” ten que ver con Vigo, coa súa historia. Porque, desde agora, pecorrer Vigo poñendo atención á súa historia arquitectónica é posíbel, e non hai que ter de menos o seu contributo na humanización dun lugar tan caótico, arquitectonicamente falando, como a cidade olívica. Directamente. Mais tamén de xeito máis periférico, pois o relativo ao “ouro de Rande”, o tesouro agochado nas augas da Ría de Vigo e procedente da América colonial, tampouco lle é estrano. E non só isto. Aínda nos gustaría salientar unha outra cousa máis, relativa á maneira de actuar das personaxes, e que non é senón a necesidade de vivir sabendo que o que nós fagamos terá trascendencia na dos que despois han vir; velaí  a meirande herdanza que reciben Mariña, Xulio Ascanio e Simón,  que non se concreta en números de conta corrente senón en valores actitudinais que percorren a historia; valores actitudinais que testemuñan valentía, sensibilidade social e decisión ademais de intelixencia, que deben cifrarse en formulacións mistéricas de xeito que se comprenda que a Historia escribímola todos, os de antes, os de agora e os de mañá, e para o seu desciframento cómpre tamén o concurso de todos. De todos, inclusive da mitoloxía clásica, todo un referente, na tarefa do docere et delectare, ese primario encriptamento das relacións dos homes coa vontade rectora do mundo, pois tamén ten moito que dicir para que estes nosos heroes, ao seu pesar, culminen a trama.
No discurso desta primeira novela de Pedro Feijoo, contada nun ton desenfadado que tamén propicia sorrisos, concorren ademais relatos pertencentes á historia, con outros relativos á mitoloxía e aínda outras á narración lendaria tradicional, con pericia cosidos nunha trama que satifai necesidades de sensibilidade e xustiza social, que é quen de atrapar o lector desde as primeiras páxinas porque resulta unha lectura que o narrador sabe facer moi amena. E cando dicimos amena debe entenderse tamén que o discurso está moi traballado, pois a amenidade non depende só da materia que se marra e dese ton desenfadado, senón fundamentalmente de cómo é narrada. Cousa que se nota desde o inicio, e é certidume que se incrementa segundo van pasando as follas e accedendo a outras novas. Con todo, téñase en conta que estamos a falar dunha novela primeiriza, hai algúns aspectos que se poderían ter traballado mellor. Así acontece, por exemplo, coa diferenciación das personaxes nos seus parlamentos. Malia isto estar ben logrado na maioría dos casos, non é así no de Daniel Beiroa, cuxos diálogos resultan excesivamente literarios. Mais convén lembrar, para ser xustos, que nos movemos no eido da narrativa para masas, dos best-seller, e tendo isto en conta non cabe dúbida de que Os fillos do mar é unha novela moi salientábel, xa que as personaxes están ben configuradadas, non son simples ecos actanciais e/ou tópicas senón que posúen personalidade densa, e a dosificación da información está moi estudada, xa non só no relativo á súa administración senón tamén á personaxe desde a cal se vai expoñer.

Deixa un comentario!