Menu Xerais

«En vías de extinción» recomendada por Xosé Carlos Caneiro en «La Voz de Galicia»

Xose Carlos Caneiro recomendou o pasado sábado, 4 de agosto, na súa sección «Club Dandi» do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia a novela En vías de extinción de María Reimóndez. Caneiro considera que En vías de extinción é «unha novela de interseccións, de íntimo e de exterior, ou o que é o mesmo, de interiores e outros sucesos. Velaquí a contemporaneidade da literatura galega: vizosa, ampla, cosmopolita, internacional sabendo ser nacional».  Reproducimos o texto moi interesante:

Eu, que algunha vez fun escritor, admiro aos escritores que xogan a pel e a alma cando escriben. Non coñezo outro tipo de grandes autores. Son os que levan a paixón e o ardor das palabras no adentro, os que non se conforman con narrar historias senón que pretenden dotalas de humus propio: vocación de orixinalidade. Sei que ás veces a procura da mesma devén en artificios escasamente artísticos, venecianos e herméticos, que certa crítica presuntuosa pretende facer pasar por mestrías. A orixinalidade moitas veces é un pretexto da ignorancia da simpleza, transparencia, luminosidade de certas prosas precisas: penso en Casares, entre os galegos, ou Baroja, entre os escritores en español. A procura da orixinalidade conleva riscos inmensos: ser distanciados da manda de comercialismos que nos invadiron desde os anos oitenta e que nos levaron, lévannos, á destrución do tecido artístico  literario do territorio hispano nas catro linguas nacionais. Se non entras no comercio da obra literaria, non existes. Por iso ten tanto mérito saber combinar a voz propia cos mecanismos do mercado. E moito máis mérito redactar unha boa novela e ser quen de erguerse, de seu, no Parnaso literario. E demórome neste preámbulo só para aplaudir aquí a novela que veño de ler e gozar: En vías de extinción de María Reimóndez. Hai tempo que non contemplo tanta intrepidez nas páxinas dunha novela galega. Hai tempo que a emoción non arrabuña a miña pel mentres leo na lingua de Nós. Velaquí unha novela de interseccións, de íntimo e de exterior, ou o que é o mesmo, de interiores e outros sucesos. Velaquí a contemporaneidade da literatura galega: vizosa, ampla, cosmopolita, internacional sabendo ser nacional. Van as miñas fecilitacións para a autora e, outra vez, para a editorial que segue a publicar excelentes novelas, galegas, para facernos crer que a esperanza é posible (aínda que o vicio de «Bartleby» pete nas pálpebras do responsable desta quimérica columna).

Deixa un comentario!