Menu Xerais

Entre a crónica de viaxes e a intriga policial. Crítica de Marga Romero sobre «Meu pai vaite matar», de María Xosé Queizán

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publica hoxe unha recensión crítica de Marga Romero sobre Meu pai vaite matar de María Xosé Queizán.

 

Con intriga policial

Unha novela de tese

María Xosé Queizán renovadora da novela, velaí A orella no buraco, rica ensaísta e estudosa da literatura universal que nos conecta coas poetas da lírica provenzal nas súas Evidencias, comprometida dramaturga que traslada Antígona a Galiza, sorprendente poeta nos noventa que esnaquiza o discurso patriarcal desde a Metáfora da metáfora, mestra do relato, do mellor da súa obra, ¡Sentinela alerta!, volve agora ás librarías cunha novela que capta a atención desde o título: Meu pai vaite matar.

Obra que conxuga aspectos do relato policial, que xa nos ofrecera en Ten o seu punto a fresca rosa, coa crónica de viaxes na que a paisaxe da Patagonia é o espazo de moitas descubertas ao redor da identidade de Moncho e da propia Diana que desvela os segredos da familia e se desvela. Unha novela onde a ironía exerce a crítica á xeración da revolución, do “verdadeiro rock”que por forza debe poñer os pés no presente, mais tamén un relato onde a dialéctica rural–urbano non é deste tempo. Unha narración áxil que nos descobre unha personaxe que nos gustaría volver topar, a tía Lola; as páxinas dedicadas á vetusta casa familiar, onde habita, a creación deste espazo, asfixiante coas esencias do pasado, tan oteriano, lémbranos un dos mellores relatos da autora “As botas”. Unha novela que remata como“ unha película desas de acción”, cun morto na alfombra. Unha novela de tese cuxo discurso nos conduce contra o patriarcado, a violencia machista, as violacións na infancia e aposta pola defensa da ciencia e da razón.

Marga Romero

Deixa un comentario!