Menu Xerais

Crítica de Mar Fernández Vázquez sobre «O segredo da Pedra Figuera», de María Xosé Queizán

Mar Fernández Vázquez publicou en El Correo Gallego unha recensión crítica sobre O segredo da Pedra Figueira, de María Xosé Queizán.

A terra prometida de «O segredo da Pedra Figueira»

Queizán recrea simbolicamente a procura da liberdade e reivindica o protagonismo e potencialidades femininas
O 5 de decembro de 1984 María Xosé Queizán (Vigo, 1939) puña o punto e final ao relato longo O segredo da Pedra Figueira, publicado pola editorial Tintimán no ano 1985 con ilustracións de María Fé, Marife e Maife Quesada (nomes cos que asina esta ilustradora, Zamora, 1957) que representan un mundo bucólico en tonalidades coloristas e harmónicas.

Esta narración reeditouna Edicións Xerais de Galicia en dúas coleccións: “Xabarín”, en 1989, e “Fóra de xogo”, en 2003 e 2011, dirixidas todas elas ao lectorado xuvenil. A reedición de 2011 actualiza o texto de 2003 á normativa vixente na lingua galega e corrixe excesivos castelanismos.

O Segredo da Pedra Figueira é unha obra ateigada de elementos de carácter simbólico e mitolóxico postos ao servizo da reivindicación das personaxes femininas. É unha mostra máis do labor a prol da muller realizado por María Xosé Queizán na maior parte dos seus traballos. É mágoa que últimas edicións de “Fóra de xogo” fora eliminada a precisa introdución que Carmen Blanco asinaba na reedición de 1989 onde se achegaba á autora e analizaba este relato longo.

Se ben esta obra estruturalmente responde aos trazos dunha narración de aventuras, a viaxe non é só física senón que implica unha mellora vital dos personaxes cara á conquista da liberdade e un proceso de maduración interior e de coñecemento de saberes e tradicións ancestrais por parte de Lazo, a rapaza protagonista, por mediación da súa avoa e guía Sensatanai.

Así mesmo constitúe unha recreación simbólica e identitaria de múltiples elementos e piares básicos dunha cultura como a galega. Mostra o poder e a sabedoría presentes nas pedras, nas árbores, na etnografía, na historia, na xeografía, na transmisión oral e na mitoloxía e sobre todo salienta que as figuras femininas son fundamentais no proceso de salvagarda da historia.

Os desolados habitantes da illa de Tule actúan como heroes bíblicos, das sagas históricas e dos contos marabillosos que emprenden unha travesía, ante a devastación que os rodea, na procura dunha terra prometida, dun edén no que vivir en familia unha nova vida tranquila e feliz. Unha viaxe chea de obstáculos a superar como é o caso de deixar atrás xente querida, tan emblemática coma o avó, e a súa terra; vencer a ira dos Señores das Tebras; saír da Caverna dos Tesouros; atravesar a Costa da Morte, non sucumbir ás mulleres lobas e mudar o seu estilo de vida guerreira para se afacer á vida rural da próspera e babilónica Findasol, remate da travesía e comezo dunha vida nova.

Queizán une etnografía, crenzas, lendas e mitos galegos e universais, historia e xeografía. Dota de simbolismo os nomes dos personaxes, tribos, lugares e obxectos, e presenta unha parábola da absoluta liberdade e unha reivindicación feminista e dos alicerces identitarios.

Mar Fernández Vázquez

Comentarios pechados