Menu Xerais

1971-2011: A 40 anos da publicación de «Retorno a Tagen Ata», de X. L. Méndez Ferrín. Recensión de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha longa recensión crítica sobre Retorno a Tagen Ata, de X. L. Méndez Ferrín, cando se cumpren 40 anos da súa publicación.

 

Retorno a Tagen Ata

X.L. Méndez Ferrín

O ano 1971, é dicir, fixo agora corenta anos, publicouse na colección O Moucho de Edicións Castrelos a novela curta Retorno a Tagen Ata, que pasados os anos e malia as opinións dalgúns críticos é unha das obras fundamentais da narrativa galega de posguerra e mesmo da narrativa galega do século XX. Por iso, neste corenta aniversario, compre relela.

A crítica máis ou menos académica e na liña de Galaxia ten unha valoración negativa desta novela curta sen dúbida ningunha por motivos claramente ideolóxicos. Na edición de Retorno a Tagen Ata de Xerais, de 1996, no vinte e cinco aniversario da publicación da obra, inclúese un conxunto de opinións críticas que suscitou a obra e que veñen probar o que dicimos. Xa no momento da saída, Ramón Piñeiro, considera, con moita finura, iso si, que a obra é máis ben un panfleto de propaganda marxista-independentista. Noia Campos, no ano 72, está na mesma liña, por certo, nun artigo de crítica xornalística que é todo o contrario do que debe ser unha crítica, pois dedica a maior parte do texto a destripar o argumento da obra, desenlace incluído. Casares fala a propósito da obra de malgasto de talento. Pola súa banda, Tarrío Varela, nunha obra moi consultada polos estudantes de filoloxía, confunde a crítica puramente ideolóxica coa literaria pois considera que a novela se dedica a menosprezar o labor de persoas que propiciaron, coidamos que positiva e lealmente… a transmisión ás xeracións máis novas do legado galeguista… Pola contra, resultan máis adecuadas as críticas de Beiras ou Forcadela, que tamén rexistra a devandita edición.

O Diccionario da literatura galega no seu tomo I, de autores, sinala con asterisco Retorno a Tagen Ata, o que quere dicir que será tratada no tema de Obras como un dos textos canónicos da literatura galega. Non obstante, non aparece no devandito tomo de Obras. Non sabemos se é un simple desleixo ou ben un cambio de opinión, pois a directora do dicionario, D. Vilavedra, opina, como pode verse no apéndice da devandita edición de Retorno de 1996, que a técnica narrativa usada por Ferrín é un discurso rixidamente xerarquizado… supuxo… unha certa involución…

A novela de Ferrín é un relato en primeira persoa protagonista onde a moza Rotbaf Luden relata a experiencia da súa viaxe a Tagen Ata desde a colonia de emigrados de Anatí para tratar de loitar pola liberación da patria de orixe. Posiblemente unha Rotbaf Luden adulta lembra ese momento fundamental da súa vida. Ademais Ferrín sabe crear un espazo mítico, Tagen Ata (como fixeron Faulkner, Rulfo, Swifft, Otero Pedrayo ou mesmo Rosalía). Tagen Ata lembra Galicia, mais non ten por que ser Galicia. É unha creación literaria, que ten elementos de Galicia, pero é así mesmo un espazo fantástico. Un dos encantos desta obra é precisamente a capacidade que ten Ferrín para crear espazos fantásticos, pois fronte a Tagen Ata levántanse tamén Anatí e Terra Ancha.

Anatí, o país onde emigran os azerratas de Tagen Ata, é outro espazo mítico non descrito, senón suxerido polo autor e que situamos nas Antillas ou no Caribe pola presentación impresionista e chea de connotacións que dela fai o narrador en tan só tres ou catro liñas, cunhas cenestesias e sinestesias, onde o emprego de termos como arahuaco, mandinga, melaza, creoula… disparan a imaxinación dun lector adulto e esixente. O lector familiarizado coa literatura e cultura galega ata pode pensar en Cuba, mais non ten por que ser así. Xa que logo, ao xeito da novela máis esixente, o lector convértese neste caso en creador, pois enche os baleiros e as suxestións do texto segundo a súa situación e cultura.

O outro espazo fantástico é Terra Ancha. Terra Ancha, ao xeito do que acontece na tradición galeguista, é a España-Castela que se opón a Tagen Ata-Galicia. Na presentación de Terra Ancha, despois de Anatí, o lector avisado ve como se lle dispara a imaxinación, pois os adxectivos e caracterizacións levan a pensar, non en Castela, senón na España centralista e imperial forxada na Restauración de Cánovas, como herdeira do catolicismo intransixente, de influencia musulmá, que xurdiu na Reconquista. Ferrín ten en conta as interpretacións que da España centralista baseada na imposición do castelán e da relixión católica fan, por exemplo, Unamuno en En torno al casticismo ou Américo Castro: guerreiros monoteístas, encrequenados mouriscos fanáticos, relixión muslime que fanatizou ao bon pobo de pegureiros… (páxs.52,53).

O lector adulto e maduro enche os baleiros sabendo que Ferrín está caracterizando Terra Ancha-España centralista de acordo coa tradición galeguista desde Rosalía ata Castelao, mais tamén coa interpretación que desta fixeron os rexeracionistas casteláns, Unamuno ou Américo Castro.

En canto o espazo de Tagen Ata dise que no seu 60% está ocupado polo bosque, a Grande Fraga, que se converte no seu símbolo, cunha vexetación de castiñeiro, carballo e fentos, que, non obstante, está a ser destrúida pola introdución de especies arbóreas de folla perenne. É, xa que logo, a intepretación canónica da paisaxe galega, mais non é Galicia. É de novo unha paisaxe fantástica, pois nela estraña a pouca importancia dada ao mar, por exemplo. Por outra banda, o bosque é un tópico literario.

As árbores e os bosques son o símbolo da fertilidade, da rexeneración. É tamén un lugar máxico onde habitan deuses e outros seres míticos. O bosque é o ámbito do sagrado, alí agóchase todo o que non se pode captar pola razón; os sátiros e outros deuses habitan no bosque. O bosque é tamén en moitas ocasións o ámbito da aventura nas novelas de cabalarías ou onde se buscan os tesouros, a sabedoría ou o Grial. O propio Merlín da materia de Bretaña habita no bosque de Brocelandia. En Galicia o bosque marabilloso, por excelencia, será a selva de Esmelle. Xa que logo, a Grande Fraga de Tagen Ata inscríbese dentro desta tradición cabaleiresca e cunqueireana, tan do gusto de Méndez Ferrín. É dicir, a plurisignificación é o característico do texto de Ferrín e terá que ser o lector, un lector adulto, o que decida o sentido que lle quere dar que pode ser unha fábula sobre Galicia, mais tamén unha novela de cabalarías moderna en que o Grial son as novas ideas e formas de organización político-social.

Por outra banda, ao xeito cunqueireano o espazo de Tagen Ata é un espazo intemporal, pois se hai moitos elementos que o conectan coa actualidade (as casas da cidade, o gabinete de Ulm Roam…) hai outros, ao xeito cunqueireano, que introducen este espazo nunha aura de intemporalidade: Rotbaf trasládase sempre a cabalo ou fálase da entrada a Tagen Ata pola cunqueireana estrada real vella. Por certo, o cabalo, tan presente neste texto, é o símbolo, desde sempre, do vehículo cara ao alén e que leva cara a un futuro mellor. Os heroes románticos galopan nos seus corceis na procura da gloria, do ideal ou da morte, mais sempre se une o cabalo coa liberdade e o ímpeto, a loita contra a tiranía.

O relato de Ferrín pode entenderse como unha novela en clave sobre a situación de Galicia-Tagen Ata e Terra Ancha-España (que non Castela, pois Terra Ancha representa nesta lectura, como xa dixemos, a España da Restauración baseada no centralismo, lingua castelá e catolicismo). A vinda a Galicia de Rotbaf e a negativa de Ulm Roam á actividade política e mesmo á independencia para cinguirse só á conservación da lingua-cultura e mais a unha autonomía pode identificarse coa negativa de Piñeiro á loita política que propuñan os exiliados de América e mesmo a ruptura entre Ulm Roam-Rotbaf pode identificarse coa ruptura de grupos como o Brais Pinto, aos que pertence Ferrín, e da UPG e outros movementos co culturalismo e autonomismo de Piñeiro e mais do grupo Galaxia.

Indubidablemente isto pode ser así, mais tamén podemos entender a novela como a recreación do mito da viaxe iniciática e da aprendizaxe dunha moza, que regresa a Ítaca, para alí darlle un sentido definitivo á súa vida. Mais, ao contrario do que acontece, no relato tradicional, malia o que pensen lectores e críticos apresurados, o final desta novela é aberto. Rotbaf escribe sobre un episodio da súa xuventude, a ruptura con Ulm Roam e á marcha á Grande Fraga para loitar pola independencia, mais non sabemos como termina esta loita. Non sabemos se a Rotbaf adulta que lembra ese episodio fundamental triunfou na loita ou mesmo a abandonou… Puido deixar de loitar contra Terra Ancha porque rematou no cárcere, porque cos anos pasou ao servizo de Terra Ancha, porque aceptou as teses posibilistas de Ulm Roam… Puido mesmo rematar convertida nunha intelectual desenganada como a súa tía Natalia. Nada sabemos.

Tampouco se nos di nada sobre que pasou con Tagen Ata. Segue sometida a Terra Ancha? Triunfaron as teses autonomistas e culturalistas de Ulm Roam? Triunfou o independentismo de Rotbaf? Que decida o lector.

Por outra banda, as distintas posturas ideolóxicas non son impostas de forma dogmática por máis que a protagonista-narradora opte pola ruptura con Ulm Roam e a marcha á Grande Fraga. O lector pode optar pola que máis lle guste: o autonomismo de Ulm Roam, a rebelión de Rotbaf, a abstención de Natalia… Nin sequera chegamos a saber cal é a que ten a Rotbaf adulta, pois ela só fala da súa experiencia de xuventude.

Xa que logo, estamos ante unha novela que pode ser lida en clave, especialmente despois de ler os libros de conversas con Ferrín ou Beiras, os testemuños da correspondencia hai pouco publicada de Piñeiro con intelectuais do seu tempo… sobre a ruptura dalgúns dos membros da xeración do 50 co culturalismo de Piñeiro, que desembocará, entre outras cousas, na fundación da UPG nos sesenta. Mais tamén pode lerse como unha reflexión sobre calquera situación de loita pola autodeterminación de calquera nacionalidade e as opcións que se lle ofrecen, desde a aceptación á asimilación á independencia pasando polo autonomismo. Mesmo é unha reactualización da novela de cabalarías onde o Grial é a independencia nacional. Tamén a podemos ler en versión freudiana como a necesaria morte do pai para ser adulto dentro da estrutura do relato de aprendizaxe.

En fin, que a novela curta de Ferrín ten un bo feixe de posibles lecturas segundo sexa a cultura e formación do seu lector.

Por último, o lector galego verá como aquí e agora triunfaron as teses autonomistas de Ulm Roam, mais pode preguntarse se o seu triunfo non foi grazas á acción de grupos como os de Rotbaf, que imposibilitaron a absorción total por Terra Ancha e tamén pode preguntarse se esta autonomía non é, á vista do que está a acontecer, máis que un proceso asimilador, só que máis lento ca a brutal imposición da lingua e leis de Terra Ancha. Xa que logo, é unha novela para reler e meditar sobre ela. Coma todas as grandes obras da literatura, a súa ambigüidade e plurisignificación, que necesita dun lector maduro e activo, converten esta novela curta de Ferrín nunha xoia da literatura galega.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados