Menu Xerais

Antonio Seijas: «Cando me puxen a fabricar ‘Cartas de invernos’ en banda deseñada tiven que ler moitas veces a novela»

Galiciaè e de Luns a venres publican unha entrevista de Cristina Chapela con Antonio Seijas, autor do cómic ou novela gráfica Cartas de inverno, baseado na novela do mesmo título de Agustín Fernández Paz.

 

Antonio Seijas: «Non son moi amigo das adaptacións, pero isto apetecíame desde que lin o libro»

Antonio Seijas é un debuxante de banda deseñada que vén de levar ao cómic a novela Cartas de Inverno, de Agustín Fernández Paz. Unha obra gráfica que, prologada polo escritor, verá a luz este outono.


¿De cal dos dous foi a idea, de Fernández Paz ou súa?
A idea foi miña. Hai uns anos encargáronme as cubertas dunha nova edición do libro e, mentres as facía, dinme de conta de que sería unha gran idea levar esa historia á banda deseñada. Con todo, fixen as cubertas e esa idea quedou aparcada por un tempo. Ao ano seguinte, coincidín con Agustín no xurado do Premio Castelao, que eu gañara o ano anterior; comenteillo e gustoulle a idea. Cando tiven un oco para levalo adiante, puxémonos con el.

Semella que as historias de Fernández Paz teñen unha aura mística que, de por sí, evoca á imaxinación. ¿Facilita o traballo, por así dicilo, este tipo de narrativa?
Xustamente, o feito de ter esa mística especial e de ser tan subxectivo dificulta o traballo do debuxante, porque é moito máis difícil coincidir coa imaxe mental que cada un se crea da historia, chegar a un punto en común co lector. Eu interpreto o libro, como todos.

Seijas, traballando sobre as viñetas de Cartas de Inverno no seu estudo (A.S.)

¿Como é o proceso? Cando le o libro un imaxina as imaxes, pero ¿rematan sendo esas figuras o poducto final, feito cómic, ou termina por facer algo totalmente diferente?
Neste caso, volvín ler o libro para facerlle as imaxes na cuberta. Sí mo estaba imaxinando, pero non estaba pensando en levalo ao cómic: unhas figuracións e outras sempre son diferentes. Cando me puxen en serio a fabricar a novela en banda deseñada, tiven que lela moitas máis veces. Ahí si fun pensando como plasmala.

¿A Agustín gustoulle a obra?
Si. Díxome que o que el quixo plasmar na novela está perfectamente recollido nos debuxos.

¿Repetiría levando algunha outra novela del ao cómic?
Seguramente o faría con calquera daquelas ás que lle fixen as cubertas, que son varias. É algo moi gratificante. O único problema é que dá moito traballo (ri).

¿Interesaríalle alguna outra obra en especial, dalgún outro autor?
De primeiras non teño ningunha pensada. Na intruducción desta edición de Cartas de Inverno xa explico que non son moi amigo de facer adaptacións. Eu teño moitas ideas propias como a de Un hombre feliz, obra coa que gañei o Premio Castelao, sobre as que quero traballar. Facer adaptacións non é a miña primeira opción, aínda que con Fernández Paz si que me apeteceu desde un primeiro momento, desde que lin o libro. Quería facerlle unha homenaxe a Agustín.

Unha das esceas máis emblemáticas do libro, a dos símbolos enriba das portas, levada á viñeta por Seijas (A.S.)

¿Cre que podería repetir o éxito de Un hombre feliz con esta versión ou, pola contra, desmerece a nivel de recoñecemento que se trate dunha adaptación?
Iso non o teño moi claro. Hai quen cre que o feito de ser literatura xuvenil prexudica unha obra a nivel de recoñecementos, en comparación coa literatura para adultos. Valor ten o mesmo, aínda que sexan cousas distintas. Unha ten o engadido da historia propia, pero facer unha adaptación fiel tamén é complicado.

Desde logo, se vai ben, o mérito será de Agustín. É o autor, ao fin e ao cabo. Se vai mal, supoño que será cousa miña, que non o souben facer todo o ben que debería (ri).

Entramos en terreo areoso. ¿Cómo vé o futuro da banda deseñada no marco dos recortes efectuados en materia de cultura?
Afectaralle o mesmo que ao resto de sectores dentro dela, cada un desde o seu propio punto de partida. Por autores e obras de cómic en Galicia non vai ser, hai moita xenialidade. O problema está nos cartos que teñan as editoriais e o que aposten por facer con eles.

E en materia xuvenil ou infantil, ¿un novo Golfiño, por exemplo, aínda que fose dende unha plataforma dixital, axudaría a non perder a tradición do cómic entre a mocidade?
Todo o que sexa publicar banda deseñada debe ser ben recibido. O que non se vé non se vende. Na rede, en librerías, acompañado os xornais… Todo axuda a facer canteira.

Cristina Chapela

Deixa un comentario!