Menu Xerais

«Gran tiburón branco», de Samuel Solleiro: un libro de relatos nada compracente. Crítica de Xosé Manuel Eyré

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia Confidencial unha recensión crítica sobre Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro.

 

O aviso do gran tiburón branco

Cinco relatos sobre cinco casos de insatisfacción vital, de vidas sen futuro e de presente insatisfactorio conforman ‘Gran tiburón branco’, unha obra de Samuel Solleiro publicada por Xerais. Crítica de X.M. Eyré.

No tempo en que os cativos quedan sen escola e sen mestres, en que as mentiras pasan por verdades, en que nada asegura que despois de traballar toda unha vida non vaias morrer de fame, en que a propia Xunta de Galicia belixera covardemente contra a cultura propia, en que os imbéciles triunfan e poden chegar a Conselleiros e Ministros, en que os cativos comen no cole peor e máis caro ( cando non teñen que levar xantar da casa e lles cobran por comer no cole a súa propia comida) que os deputados do Congreso, en que a banca ten que pedir empréstimos que imos pagar os cidadáns de a pé… que cobramos cada vez menos, que pagamos cada vez máis impostos, que temos menos dereito á sanidade, que temos menos dereito á educación, que temos menos dereito á xustiza…que, en definitiva, temos menos dereito á vida, a unha vida digna, mentres os banqueiros rin a cachón inmunes a todo….
Nun tempo así, quizáis se vexa lóxico volver os ollos á vida privada. Procurar que o circo político non nos enlode a vida. Quizá. Mais o certo é a literatura leva xa moito tempo avisando de que tampouco aí se acha consolo, nin sequera o sexo ou o amor son quen de nos proporcionar gratificación vital duradeira, pechados no seu propio círculo de privacidade… Desde hai xa moito tempo, poesía e narrativa viñan avisando.
E Samuel Solleiro, por se non abondara, lémbranolo en Gran tiburón branco, un nada compracente libro de relatos. As súas personaxes móvense en círculos restrinxidos, con frecuencia en triágulos ( ou varios xogos de triángulos compartindo vértice) amoroso-sexuais, máis guiados polo instinto que pola razón ( ese monstruo), en universos concretos ou alucinacións delirantes que  non se distinguen ben, con nomes diferentes e frustracións que aínda diverxendo nalgo rematan por ser equivalentes ou complementares, até atinxir a figura do propio autor ficcionalizándose, transmutándose para nada pois tampouco está clara a funcionalidade da escrita. Non, todo isto podía terse aforrado se houbera quen lera, se os políticos leran, con proveito a Nova Narrativa Galega, que xa daquela avisaba da minimización da compoñente humana na vida da xente.
Os cinco relatos presentan cinco casos de insatisfacción vital e cinco casos de narración expontánea, ou pouco planificada, sobre vidas sen expectativa, vidas sen futuro e de presente insatisfactorio onde os soños son delirios, son pesadelos. Ensaiando fórmulas narrativas diferentes para expresar sempre vidas insatisfactorias, fórmulas desde as que a persecución literaria é casual, pois nin  a escritora do terceiro relato é quen de escribir. Esta preocupación metaliteraria pode seguirse ao longo do volume e explica os “Extras”: un, o derradeiro, no cal só hai fotogarfías do autor escribindo, mais ninguha palabra (lebra outro relato de Manuel Rivas en A man dos paíños, onde sucede o mesmo, e tamén ten evidentes vinculacións cinéfilas); outro, o penúltimo, que é unha sucesión de diálogos que o lector debe inserir nos relatos pertinentes, reclamo para unha lectura activa e lembranza da fragmentariedade da vida e tamén do prescindíbeis que son os actos nela executamos.
A técnica de inserción duns relatos noutros, mais ou menos perceptíbel sempre e que chega ao seu cimo cos “Extras” antes comentados acáelle moi ben ao título. Sendo así que a vida, o grande tiburón branco ( quenlla séguenos parecendo mellor), esa cousa molesta que malia todo é o único que temos. Si, molesta, tantas veces como parece teimar en que non se saia adiante. Diciamos que a técnica de inserción acáelle moi ben ao título, e explica tamén as reflexións metaliterarias que axudan a mimetizar o autor na ficción, infundíndolle ao narrado un particular status que achega o ficticio ao real e o real ao ficticio
Aínda cos seus delirios, e sendo nómina de personaxes non moi extensa, tampouco se pode negar que compoñen, máis alá da individualidade e desde ela, unha sociedade perfectamente recoñecíbel, igual que o difuminado dun cadro non impide a idetificación do retratado, sen que por iso sexa menos realista que aqueloutro de quen se esmera nun pintar case fotográfico. A súa lectura, ademais da NNG, tróuxonos lembranzas daquel Realismo Suxo de remate do XX, do que este título de Samuel Solleiro semella herdeiro e evolución xeneracional.
O que cómpre, agora, é que cada vez quede menos xente que desvincule a lectura do mundo en que vive.

Deixa un comentario!