Menu Xerais

Novela da vida, crónica da lectura de Manuel Rivas

Manuel Bragado, o director de Xerais, publica no seu blog a crónica da lectura realizada onte por Manuel Rivas na Feira do Libro da Coruña. No acto presentouse o avance d’ As voces baixas, que xerais publicará na colección Narrativa durante a primeira semana de outubro.

Empezou forte a Feira do Libro da Coruña. Ao mediodía nainauguración xa foi magnífico o pregón de Cesáreo Sánchez iglesias defendendo a Coruña literaria e o carácter variable do seu verán atlántico. Pola tarde comezou o bulir de milleiros de visitantes e durante o serán os primeiros actos literarios desbordaron o aforo da carpa, tanto a presentación do Peizoque Roque de Dores Tembras e Xosé Tomás de Galaxia como a lectura de Manuel Rivas preparada por Xerais. Non agocho o meu entusiasmo polo novo éxito da convocatoria de Rivas. Ao longo de cincuenta minutos, o autor d’ Os libros arden mal leu catro pezas de diversos xéneros: «O misterio de Uz», un dos relatos inéditos d’ O máis estraño; o segundo capítulo deTodo é silencio, o protagonizado por Lucho Malpica, o pais de Fins, xa un clásico nestas lecturas; e dous relatos d’ As voces baixas, o libro que aparecerá en outubro, «O mestre e o boxeador» e «A guerra, a vaca e o primeiro avión» (publicado por Xerais en separata como avance editorial e agasallado a todos os participantes na lectura). Rivas comezou definindo As voces baixas como «a novela da vida entre o primeiro medo e o primeiro amor». «Un libro escrito entre o eu e o nós. Un libro da memoria, un libro de murmurios. Cando se abre a boca da literatura na xente corrente a memoria maniféstase como murmurios, como interferencias, como deconstrucións do tempo pasado.» Rivas insistiu nesta idea literaria, tamén un dos temas centrais do seu discurso de ingreso na RAG: «A boca da literatura adoita estar na das persoas de mesteres humildes; hai que estar á espreita dos murmurios da vida, no momento que se manifestan como linguaxes. A memoria non é un arquivo intacto, ten que sincronizarse cos latexos que nos moven, con esa dínamo que pon en marcha as pulsións. A memoria é esa viaxe que leveda, existe cando somos capaces de activala». Tras a lectura, comezou a sesión de asinaturas, que se prolongou até o peche da xornada. Alí tivemos a oportunidade de coñecer a Klara, unha rapaza da República Checa participante no curso de galego para estranxeiros que estes días se imparte nas aulas da Universidade da Coruña. Os dous Manolos quedamos engaiolados coa súa fala fluidísima e polo entusiasmo e coñecemento co que defendía a lingua galega. Este murmurio que veu de lonxe encheunos de esperanza.

Deixa un comentario!