Menu Xerais

Rivas recolle os «murmurios» de pequeno en «As voces baixas», crónica de «La Voz de Galicia»

Rodrí García publica nas páxinas de La Voz de Galicia unha crónica da lectura de Manuel Rivas na Feira do Libro da Coruña. Reproducimos o texto no que se presta atención ao anuncio da publicación d’ As voces baixas e a estrea da película de José Luís Cuerda baseada en Todo é silencio.

Do silencio ao murmurio. Manuel Rivas ergue a voz e pasa de Todo é silencio, a súa última novela, a As voces baixas, o seu novo libro. «É moi literario, moi fermoso, moi emocionante; penso que vai entusiasmar, pero xa sabes que eu estou mediatizado, non son obxectivo», apuntaba na tarde de onte Manuel Bragado, director de Xerais. A editorial ten previsto publicar «a comezos de outubro» o novo libro de Rivas, do que o autor leu onte un par de capítulos na ateigada carpa da Feira do Libro da Coruña. Estes textos serán dous dos 22 capítulos que vai ter a nova obra e un deles está dedicado a un mestre de Elviña, Don Antonio, e a compañeiros de escola como aquel que rompeu unha perna e cando volveu do hospital era o dobre de grande. «Todos queriamos que nos deran aquel tratamento», leu Rivas entre as risas dos asistentes. Na mesma historia, lembra como xogaba «á guerra no mesmo sitio da batalla de Elviña» e como un día aprendeu «a primeira lección de ética: hai que rebelarse contra a inxusticia».

Polos camiños da infancia

Antes da lectura, apuntaba o escritor: «Máis que a palabra memoria gústame murmurios; o tempo pasado volve como unha deconstrución acabada e ten ese proceso de murmurio».

Con esas voces baixas do pasado, Rivas vai levantando de novo os murmurios da súa infancia e adolescencia, «un proceso de reconstrución do que nace outro tempo que está por enriba do presente e do pasado; é como estar situado no intemporal, onde desaparece o día e a noite… Sentinme como si estivera no centro do castro», de Elviña, lóxicamente, xa que é unha das xeografías da súa infancia, un lugar cheo de espazos evocadores, como aquela escaleira do lugar de Corpo Santo na que «escoitaba falar aos maiores».

Coas historias, coas persoas que deixaron a pegada na súa memoria, coas voces que rodearon a súa infancia, o autor de A lingua das bolboretas escribe este libro porque «a orixe da literatura ten moito que ver con iso: o proceso de reconstrución da memoria, é a viaxe de Ulises, a Odisea; a boca da literatura está aí, cando Ulises recoñece a Penélope, cando o seu pai recoñece que é Ulises porque sabe o número de árbores que hai na horta…».

Mentres que Manuel Bragado insistía en que a nova obra de Rivas «é literariamente moi elevada», o escritor tamén daba lectura no acto da tarde de onte a varios textos de Todo é silencio, un deles relacionado co fútbol, aínda que o da Liga da Costa, e indicou que se trata de «facer a lectura de diferentes xéneros».

O editor adiantou que, desde Xerais, farán fincapé en que As voces baixas é «a novela da vida, do primeiro medo, da memoria íntima».

«Algo moi especial»

Con relación á novela Todo é silencio, Rivas apuntou que para finais de outubro está prevista a estrea da película que sobre o libro fixo José Luis Cuerda. Di que xa tivo ocasión de ver o filme e gustoulle moito. «Fixo algo moi especial, por enriba do tempo. Para min é como A lingua … pero en clave de serie negra», afirmou.

Deixa un comentario!