Menu Xerais

«Sarou / Louzós», de Ramón Caride: unha das mellores novelas negras das nosas letras. Crítica de Xosé Manuel Eyre

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia Confidencial unha recensión crítica sobre Sarou / Louzós, de Ramón Caride.

 

Sarou /  Louzós

 

Reactualizando a mellor narrativa negra

Xerais reedita unha das mellores novelas negras das nosas letras, Sarou/Louzós, unha obra de Ramón Caride Ogando.

No remol  da cadea de reedicións, que calquera cultura ten como propias a fin de actualizar a súa nómina de autores, ese rescate co que loitar contra brevidade do impacto que agora as novidades editorias teñen na sociedade, ao que, no caso do sistema literario galego, hai que engadir a necesidade de actualizar normativamente o catálogo editorial, nese remol chéganos Sarou/Louzós, título onde Ramón Caride Ogando recolle textos vencellados entre si pola temática negra, pola temática negra e tamén pola súa expresión. Porén, no acerto desta reedición, cómpre sinalar outros dous aspectos que non deben pasar desapercibidos e teñen moito que ver, opinamos, en que tal reedición exista: a necesidade de salvar, das mans do tempo, textos que a súa brevidade condenaría (senón ao esquezo si a un segundo plano que pouco menos ten…) de xeito que esta nova lectura os poña en valor, tendo en conta que na actualidade a narrativa breve está bastante mellor valorada que hai  vinte anos, por exempo.
E advertimos que isto non só é vontade autorial/editorial senón realidade, unha extraordinaria realidade xustificada desde valores literarios. Aínda que só fora pola novela breve Sarou (1997, Xerais, Premio Café Dublín) xa pagaría a pena, pois trátase dun discurso que apreixa o lector nunha vertixe, nunha espiral de acontecentos, da que non é nada doado fuxir, o cal revela un traballo estrutural, de configuración das personaxes, de dominio do xénero ( novela breve, xénero pouco frecuente, que adoita confundirse con novela de poucas páxinas cando é outra cousa) e de pericia narrativa no tratamento temporal, que leva o lector a considerarse testemuña privilexiada dun drama, dunha traxedia que se desenvolve, igual que a lectura, sen concesións ao respiro, á pausa. No seu momento saudamos Sarou como un dos mellores exemplos de narrativa negra das nosas letras, e comprobamos satisfeitos como o paso do tempo, implacábel e frío xuíz, non a desmerece para nada senón que blinda na súa xusta medida esta expresión literaria dun tempo, dunhas personaxes, mergullados nunha vertixinosa espiral que só conduce á desesperanza.
Ese primeiro espazo xeográfico ficcional, emblema da sociedade da beiramar da ría de Arousa, comunícase co interior a través da N-541, que comunica Pontevedra con Ourense e neste caso nos trae deica Louzós, territorio de interior que en Negros espellos (2001, Xerais) agrupaba os catro relatos que aquí figuran, completados con outros catro que foran aparecendo en publicacións colectivas ou soltas, como o caso de “Por Eve”, que lembramos inserido en Unha liña no ceo ( Xerais, 1996). “Sarou/Louzós (N-541)” constitúese, pois, nun territorio de transición perceptíbel na evolución temática, que desde o orixinario mundo da droga e as súas violencias nos vai levar a outro máis centrado no mundo do sexo e da análise sociolóxica, que non deixan de ser continuacións/contaminacións lóxicas.
Tanto os relatos desta segunda parte ,“Sarou/Louzós (N-541), como os que completan a serie centrada xa en Louzós, déixannos a imaxe de Ramón Caride como autor que non se aferra a unha determinada estratexia narrativa senón que lle é propia a variedade e se desempeña con éxito en calquera que se propoña, desde o testemuño xudicial de “Dilixencias practicadas”, nucleado en Louzós, ao precioso relato “R.P.M”, nucleado na transición cara a Louzós. “R.P.M.” é un curioso relato escrito na marxe en que conflúen a narrativa negra e a micronarrativa, alí onde estas dúas expresións literarias coinciden na estratexia de ocultar quen é o protagonista deica o remate, de xeito que tal revelación sacuda o lector fortemente e o convide a reflexionar sobre o lido.
Queremos deternos un chisco nesta narrativa breve, que amosa a Caride Ogando como un autor moi completo, precisamente porque tende a ser a que máis doadamente sexa esquecida. E esa tendencia pode levar implícitos riscos como por exemplo o de pasar por alto a pericia narrativa de “R.P.M.”, que son dúas páxinas e media como  moito, mais dunha intensidade e pericia narrativa tales que non poden deixar de producir admiración no lector.
Todo un acerto esta reedición de Sarou, aumentada con relatos aparecidos en diferentes lugares, que porén se insiren loxicamente neste Sarou/Louzós evitando recorrer á simple xustaposición ou amoreamento, e que deixan a imaxe do ser huamno como un ser no cal conflúen forzas ou intereses que lle condicionan a vida e fan estoupar a traxedia que o tempo lle foi inoculando mentres el/ela se ocupaba en vivir a pesar de todo.Malia a excesiva dependencia fraseolóxica da linguaxe negra castelá.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!