Menu Xerais

Un escritor que non quere ser postmoderno: «Gran tiburón branco», de Samuel Solleiro

Manuel Bragado publicou no seu blog Brétemas unha anotación sobre a presentación onte en Compostela de Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro.

 

Gran tiburón branco

Desque hai máis dunha década publicamos Elexías a deus e ao diaño, temos a convicción que Samuel Solleiro é un dos escritores chamados a ampliar as marxes da narrativa galega contemporánea. Demostrouno en 2006 con dz ou o libro do esperma e confírmao agora con Gran tiburón branco, o libro que presentou onte en Couceiro acompañado de Ana Salgado. A presentadora comezou salientando que este novo libro de Solleiro tiña algo de expiación, “afastándose da escritura case poética de dz“, aínda que como no anterior continúaba dosificando a poesía para cando aparecese ter máis impacto. Subliñou a importancias das tres voces narrativas femininas e outras tantas masculinas e a importanica no libro de temas como a morte, a culpa e o amor, que aquí adopta a foma xeométrica, a do triángulo. Rematou Salgado o seu magnífico texto afirmando que con este libro “Samuel Solleiro demostra que non quere ser postmoderno”. O autor comezou o seu discurso retomando o fío dunha das frases do seu libro anterior, “O amor e mais a morte son os mananciais dos meus ollos”, para engadir que en Gran tiburón branco quixo responder, ademais deses dous temas, a outra cuestión: “Que significan e canto significan as cousas?”. Identificou no derradeiro dos cinco relatos, “Guerra civil”, que para el constitúe o texto máis programático do libro, a súa intencionalidade de recoñecer que “as cousas poden significar nada ou poden significar menos”. Logo explicou que o título do libro, tamén o do primeiro relato, non significaba nada, non tiña carácter alegórico xa que “pretendo fuxir da cultura postomoderna que se demostrou cómplice, non inocente”. “Neste libro pretendín facer unha parodia da cultura postomoderna. Todos os personaxes son cínicos, unha actitude que se asocia á postmodernidade, mais todos  teñen fendas polas que se lles ve certa honestidade. Reivindico esas fendas que fan do libro un artefacto optimista”, concluíu. No coloquio Solleiro confesou que non lle gusta sobrevalorar o que se fai en Internet e falou do blog que abrira con motivo da publicación do libro.

Manuel Bragado

Deixa un comentario!