Menu Xerais

Un libro que garante a continuidade do galego como lingua literaria: «Gran tiburón branco», de Samuel Solleiro. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro.

 

Cavorcos de desacougo

Ficción antipostmoderna

Libros como este garanten a continuidade do galego como lingua literaria. Son estimanzas confirmadas polas dúas publicacións anteriores de Samuel Solleiro ás que se vén sumar agora un novo volume: cinco relatos esteados na ficción e na recreación de vellos temas da literatura e, asemade, nunha linguaxe propia de xente nova que proxecta a ollada sobre a vida desde un ton cínico, pesimista, mais non moralizante.

Recrea Solleiro materias atemporais: a cínica infidelidade co guía turístico da muller moza casada cun vello ao que non abandona porque “unha cousa é foder e outra é o amor”; a descuberta da identidade e o medo ao descoñecido,un veciño xudeu co que o protagonista mantén unha relación de antitética amizade; un exercicio de metaficción dunha pseudo escritora e entremedias as relacións familiares nunha alucinóxena viaxe a México; o diario terapéutico dun tipo que forza os límites, vive a crise do noso tempo e a gran mentira dunha relación sexual con dúas mozas. Narrativa que nos mergulla en abismos desacougantes, con remates cegos, subtraídos, erguida cunha técnica narrativa que se adapta ás circunstanciais de cada personaxe. E un nexo común entre os cinco relatos: todo é ficción, ficción quizais antipostmoderna, como afirma o escritor.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!