Menu Xerais

Desenfado e descaro: «Gran tiburón branco», de Samuel Solleiro. Anotación de Alfredo Ferreiro

Alfredo Ferreiro publicou no seu blog unha anotaciónsobre Gran tiburón branco, de  Samuel Solleiro.

 

Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro

Esta obra está composta por un conxunto heteroxéneo de relatos que hai que celebrar. En primeiro polo desenfado, case descaro, con que están escritos, o que permite desfrutar dunha lectura divertida que se consome moito antes do que un quixera. En segundo, porque nos ofrece un marco humorístico moi sutil, como unha elegante piscadela en que o sexo e os misterios máis banais da vida se fan pasar por experiencias transcendentais, o que, paradoxalmente, non está tan lonxe da realidade se admitimos que a profundidade do sentido da vida é menos algo obxectivo do que unha perspectiva persoal. En terceiro, porque a aparente simplicidade da lingua literaria, que estilisticamente case pasa desapercibida, así como a trivialidade da maioría dos acontecementos argumentais, fan unha masa sólida e no entanto lixeira que sen dúbida denota unha mestría no oficio narrativo. Samuel Solleiro semella que coñece ben que e como pretende escribir, e iso indica unha personalidade na escrita e un punto de vista persoal na creación de mundos posíbeis, características que sen dúbida definen a consolidación dunha obra literaria.

Como nota final temos que advertir que, aínda que semellan todos os relatos inéditos, o titulado Caída de Abraham Rosenblath foi xa publicado en 2011 no volume De eirugas a bolboretas, que recolle seis dos relatos premiados no Certame de Narracións Breves “Manuel Murguía” de Arteixo.

Alfredo Ferreiro

Deixa un comentario!