Menu Xerais

Engaiolante crónica enchoupada de emoción: «O rastro que deixamos» de Agustín Fernández Paz. Crítica de Eulalia Agrelo Costas

Eulalia Agrelo Costas publicou en El correo Gallego unha recensión sobre O rastro que deixamos de Agustín Fernández Paz.

 

Crónica dun ‘eu’ e dun tempo

En ‘O rastro que deixamos’, Agustín Fernández Paz recolle as memorias de vida e reflexións sobre o proceso da escrita

Cando se chega a unha altura do percorrido da vida, son moitos os camiñantes que se deteñen para facer memoria de vida e todas as paisaxes que configuran o seu mosaico existencial. Agustín Fernández Paz (Vilalba, Lugo, 1947) afronta este exercicio memorialístico en O rastro que deixamos (Xerais, 2012) no que, como se fosen as pedriñas coas que Hansel marcara os seus pasos para non se perder, arremuíña un monllo de textos que evidencian unha locuaz expresión do que foi a súa experiencia vital e o seu quefacer literario.

Os traballos escolmados abranguen un abano temporal, que se inicia en 1994 e se desprega ata o ano 2011, e case todos eles, agás o intitulado “O cesto do Beti”, xa foran publicados ou presentados en medios e foros do máis diverso, aínda que na súa práctica totalidade se retocaron para esta ocasión.

RECOÑECEMENTO DE ÁLVARO CUNQUEIRO. No primeiro dos bloques, “As paisaxes da memoria”, Fernández Paz regresa á patria da infancia e refírese ás vivencias da escola, aos xogos no Campo da Feira, ao recoñecemento de Álvaro Cunqueiro tras o boureo da Feira dos Capóns, ao trasfego de intercambio de cómics, ás inesquecibles proxeccións do Cine Villalbés, ás aprendizaxes do saber materno, á paixón pola lectura que seu pai lles inculcou con tanto entusiasmo aos fillos…

Todos estes recordos enraizados na comunidade veciñal do barrio das Fontiñas e no propio núcleo familiar entrecrúzanse con outros que gurgullan no seu discurso de xubilación como docente, “Cambiar o mundo e cambiar a vida”, no que incita a mocidade á necesaria rebeldía e enarbora o valor da literatura e das utopías.

Malia ter avanzado algúns aspectos relacionados coa súa escrita, é no segundo bloque, “O oficio de escribir”, onde se apoia nunha perspectiva reflexiva e se ampara nos seus autores e títulos de cabe- ceira para escudriñar con máis minuciosidade na súa obra que, deliberadamente, decidiu encadrar no ámbito da Literatura Infantil e Xuvenil.

Esta práctica introspectiva compleméntase con outras consideracións sobre o libro e a lectura en Galicia que, de seguro, han aguilloar conciencias.

Cada un dos bloques comentados finaliza cuns relatos, nos que Fernández Paz retoma os fíos da vida e da súa escrita para ficcionalizar cuestións previamente abordadas. Os textos ensaísticos e estes de fasquía literaria conforman, xa que logo, O rastro que deixamos, ao que lle pon o peche un pertinente estudo da súa editora, Isabel Soto, quen nos propicia as claves para a súa mellor interpretación.

Desde unha prosa exenta de requilorios, pero enchoupada de emoción, o lector ten a sensación de estar no Cine Villalbés a presenciar unha engaiolante crónica dun eu e dun tempo cunha banda sonora interpretada pola Orquesta Mato, na que seu pai tocaba a trompeta e coa que o neno Agustín veu o mar por vez primeira.

 Eulalia Agrelo Costas

Deixa un comentario!