Menu Xerais

Fina Casalderrey: «Os pequenos lectores son máis novos ca nós, non menos listos». A escritora le hoxe o discurso de ingreso na RAG

A escritora Fina Casalderrey pronunciará hoxe en Pontevedra o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Con este motivo, La Voz de Galicia publica unha entrevista con ela. Tamén o Diario de Pontevedra publica unha interesante reportaxe de Belén López con distintas opinións sobre a obra e a figura da escritora. A reportaxe pode lerse ou descargarse neste enlace.

 

Fina Casalderrey: «Os pequenos lectores son máis novos ca nós, non menos listos»

A autora le hoxe o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega

 

Para Fina Casalderrey (Pontevedra, 1951) a literatura é vida. Fala dos seus oficios de docente e de escritora coa paixón de quen viviu o fervedoiro dos comezos da normalización nos oitenta. Hoxe pronunciará no Teatro Principal da súa cidade natal (19.00 horas) o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, que será respondido por Rosario Álvarez Blanco. A entrada da autora non só suma presenza feminina nesta institución que coida da saúde do idioma, senón que abre as portas ao xénero de literatura infantil e xuvenil.

-É a primeira autora de literatura infantil con cadeira na RAG. ¿Ese é un dobre recoñecemento para vostede e para o xénero?

-Hai outros académicos que escribiron literatura infantil, aínda que non estean nos catálogos que adoitamos facer para poñer a cada un nun sitio. Algo fixo Manuel Rivas. E moito máis Bernardino Graña. O que pasa é que a literatura infantil foi ese parente invisible durante moito tempo. Penso que se me coñece e recoñece por facer unha literatura que guste aos rapaces. Incluso paréceme un recoñecemento para os ensinantes que escribimos. Os Premios Nacionais de Literatura Infantil que hai en Galicia todos somos mestres.

-¿A literatura infantil non foi valorada pola propia literatura?

-Por descoñecemento. Tendemos a negar o que descoñecemos. Agora xa se dá nas universidades, pero durante moito tempo, aínda que houbese historias ou poemas que seducisen á infancia, non se estudaban. Hoxe as cousas están mudando grazas a profesores universitarios que loitaron para que estea nos programas e moita xente se sorprende co que atopa.

-¿Custou moito acadalo?

-Como todo cando empeza. E non é que empezase. Estivo aí sempre. Dende o principio dos tempos se lle contaron contos aos rapaces para entreterlles ata unha tose, como me facía a min meu pai. Viña miña nai co mel e nada. Viña cun anaquiño de chocolate para que rillase a ver se tamén me entretiña, e nada. Sentábase o meu pai ao meu carón, contábame unha historia e a tose ía cedendo. A literatura ata ten propiedades terapéuticas.

-Parece unha grande responsabilidade escribir para rapaces tratándose de transmitir valores.

-O importante é que aprendan a gozar da palabra, da forza dabondo que ten para trasladalos a outros mundos descoñecidos. Os valores reais que mellor podes transmitir cando escribes son os que ti tes de verdade gravados, tatuados na alma. O resto é finxido. Cando se comezou a facer literatura para rapaces partiu das escolas, desa necesidade de textos para que puidesen ler, non con simpleza, con sinxeleza, con palabras claras. Nun principio, entendíase que había que transmitir isto, que ensinar isto outro, cunha utilidade fora do que é a literatura. Non ten por que. Chégalle ben con que sexan historias fermosas contadas da maneira máis bonita.

-¿Son agradecidos os pequenos lectores?

-Agradecidos e crueis tamén. Só son máis novos ca nós, non son menos listos. Un neno, se non lle gusta, dálle igual que un libro tivese moitísimos premios e que fose loado pola crítica. Se non lle gusta, non lle doen prendas en dicilo.

-Dende que a nomearon ata o seu discurso de ingreso na Academia pasaron once meses. ¿É normal ou o retraso tivo que ver coa crise que viviu a institución?

-Non ten nada que ver. É o normal. Antes pasaban incluso anos. De feito, creo que eu debo ser das máis rápidas. Vou tardar menos que os últimos académicos que entraron. Pode comprobarse na historia da Academia

-¿Como viviu a crise da RAG?

-Pois con tristeza, pero tampouco teño coñecemento dende dentro. Supoño que son cousas habituais en calquera relación de xente que ten un proxecto común e que non todos teñen por que pensar o mesmo. Incluso non sería enriquecedor. A mágoa é que transcendesen cousas que ao mellor, doutro xeito, solucionábanse sen darlle tanta importancia É como o vexo dende fóra. Oxalá todo iso quede esquecido. Admiro moito ao presidente que hai agora, pero admiraba tamén moito a Ferrín. De feito, ata nos meus libros teño feito chiscadas de historias del. E para seducir aos meus alumnos, cantas veces lles falei de Suso, de O Crepúsculo e as formigas.

-Viviu como docente o fervedoiro do comezo da normalización. ¿Custoulle algún desgusto?

-Facer teatro na aula e facelo en galego non estaba ben visto pola dirección, xa cando a normalización comezara. Aínda había a quen lle custaba, coa lei por diante, aceptar esas cousas. Chegaron a intentar complicarme a vida, pero o alumnado, os pais e moitos compañeiros, por suposto, sabían que iso era algo absurdo e as cousas acabaron como era xusto que acabaran.

Elena Larriba

Deixa un comentario!