Menu Xerais

Lírica galega de calidade innegable: «Raíz da fenda» de Berta Dávila. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica de Raíz da fenda de Berta Dávila (XV Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu).

 

 

Poesía como sentimento e comunicación

Berta Dávila preséntanos neste poemario unha concepción da poesía que se move polos vieiros da memoria, do sentimento e mais da dor. Mais se  a dor fai sufrir o eu lírico, non é menos certo que tamén o mellora. As cicatrices que nos produce a vida, como expresa a autora en acertada metáfora, indubidablemente que nos fan mellores.

O poema “0”, que abre o libro, é unha boa declaración de intencións líricas. A vida é unha experiencia onde se van producindo feridas, que deixan as úas cicatrices. A función da poesía é lembrar pola memoria esas feridas, xa convertidas en cicatrices polo paso inexorable do tempo, en definitiva como conclúen os derradeiros versos destre poema inicial aprender a falar do que perdín como farían os vencidos, / con esa soidade de bandeira soterrada (páx. 17).

A primeira parte do poemario vai dedicada ao fogar-familia, vista fundamentalmente desde a memoria. No tratamento deste tema a poesía, e a literatura en xeral, oscilan entre a idealización ou ben a demonización da familia, do fogar e mai dos devanceiros, especialmente pais e nais, avós e avoas. O fogar e a familia para o eu lírico deste poemario é ambivalente, pois é o lugar do que nalgún momento se foxe, mais tamén onde se volve, porque, en definitiva, a casa familiar é a soidade habitable (páx.25). Tampouco a infancia resulta un paraíso perdido para o eu lírico, posto que é a idade onde se descobre a fealdade ou que é imposible acadar a perfección que piden pais e nais.

A segunda parte do poemario incide na dor que é vivir, marcada incluso materialmente pola enfermidade, que, ao xeito do fatum dos gregos, agarda a todas as persoas no código xenético: Porque ela estaba aí / antes / signada nas espirais da xenética / agardando a primeira mutación. Este emprego dun léxico científico para aludir no xénero lírico á enfermidade produce no receptor do poema unha verdadeira convulsión afectiva. Mais esta poesía está sempre redactada desde a lembranza e as experiencias aparecen peneiradas polo paso do tempo. Escribir realmente é lembrar e obxectos insignificantes, como unhas agullas de tecer poden suscitar a lembranza da persoa desaparecida: Porque son os obxectos os que falan de ti / como sinais do mundo que habitaches un día, / agora que esquecemos o ciclo das mareas (páx. 57).

A terceira parte entra no eido do amor. De novo recorrendo ao léxico técnico-científico o gozo amoroso ten a perfección das matemáticas: Cando te coñecín fomos simétricos / como un cristal de neve, / con esa perfección sinxela das matemáticas (páx. 65). Mais esta simetría desaparece coa fin do amor, pois dá a sensación de que o paso do tempo todo o esnaquiza: Quedei sen nada. / Aquela soidade quieta que veu, / abriu unha físgoa abisal nos eixos do meu corpo, / rompeume en dúas metades desiguais / xa para sempre (páx. 79).

A cuarta parte do poemario leva o expresivo título de “Derrotas”. Desamor, enfermidade, morte son as derrotas do eu lírico. O paso do tempo trae inexorablemente eses fracasos, que o eu lírico recrea desde a memoria. Mais esta memoria non supón idealización do pasado e, se existe, a poeta é consciente desta idealización, o que sobrecolle o ánimo do lector: Dicían que habería que lembrarte como eras./ Eu preferín gardarte para min como agora serías / e non irracional / e desafiuzada. / Precisábao para poder ficar / libre de culpa (páx. 93). Mais como xa dixemos toda esta dor das derrotas e as súas cicatrices volven mellor o eu lírico, como ben se amosa neste micropoema: Acubillei / cabo de min / o golpe, / coideino moito tempo / para que non se esvaese / a dor, / para que algo me acompañase / cando ti non estiveses (páx. 95).

A quinta e derradeira parte do libro, “Verbo”, prima a reflexión sobre o quefacer poético. A palabra e o idioma permiten expresar a experiencia e transmitila. Esa experiencia non nace de grandes vivencias, senón de elementos cotiáns, como pode ser un humilde billete de tren (páx. 109). A poesía é memoria que permite recuperar o pasado e mesmo superar a morte por medio desta lembranza, mais é tamén beleza conseguida por medio da manipulación das palabras: Suxeitar a beleza cos pulsos axitados, / como quen terma do buril / para amputar as ás da bolboreta. / Iso é a poesía: / suxeitar a beleza talvez para exhibila, / prendida en alfinetes sobre papel de inventario. A poesía é así mesmo comunicación da dor, das derrotas, pero tanto o eu lírico como o receptor ven calmadas estas dores pola poesía, que, ao comunicalas, actúa como unha especie de bálsamo: Fálame do abandono, / do silencio, / da soidade. / Ponlles un nome inservible / como aos peixes do acuario / para que, por fin, / desaparezan / convertidos en idioma (páx. 121).

En fin, libro de poesía en que devén fundamenal a experiencia do eu lírico, a memoria e onde a paixón é fundamental por enriba de calquera culturalismo ou esteticismo. Iso non supón o descoido do poema, posto que a autora sempre sabe que a poesía é fundamentalmente beleza. Por outra banda, a autora é aínda unha moza, pois naceu en 1987, polo que aínda non fixo os trinta anos. Neste sentido podemos dicir que, aínda que o futuro do galego como lingua normalizada estea a sufrir novos ataques e incluso retrocesos, voces líricas mozas, coma esta, aseguran a pervivencia dunha lírica galega de calidade innegable.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!