Menu Xerais

Necesaria reflexión: «Todos somos», de Marcos Calveiro. Crítica en Trafegando Ronseis

O blog Trafegando Ronseis publicou unha recensión crítica sobre Todos somos, de Marcos Calveiro.

 

Todos somos

Desde logo, non escollín peor ocasión para a (re)lectura deste libro, impresionada como estou polos acontecementos vividos en Santiago e que me saltaban ao maxín con cada liña da novela. Falo, claro está, de Todos somos de Marcos Calveiro, publicado por Xerais. Non sei se é unha mala broma da vida, que ás veces ten este tipo de ocorrencias e comete unhas chiscadelas que son realmente crueis, pero así foi a lectura deste Todos somos, cunha interesante e necesaria reflexión sobre a xestión que este tipo de noticias realizan os medios de comunicación, amosando continuamente o seu lado máis esgrevio que procura só aumentar o índice de audiencia a costa da dor dos demais e non dubida en procurar unha violencia social que, desgrazadamente, está a flor da pel, agochada durante moito tempo e que logo se transforma e toma vida cruel nas nosas miradas e solucións. Como tamén é chamativa esta violencia que me recorda a eses berros que onte escoitei estarrecida nunha transmisión da nosa actualidade galega e como un acontecemento así é quen de desgastar a vida de tanta xente que por un motivo ou por outro estaba ben preto da desgraza.
Creo que é unha boa lectura para recomendar ao meu alumnado e un bo libro para un posible club de lectura, posto que dá pé a moitas reflexións, tan necesarias na nosa sociedade. Unha sociedade que a min, particularmente, cada día me asusta máis.

Deixa un comentario!