Menu Xerais

Tomar consciencia de que algo se move debaixo dos pés: «Raíz da fenda» de Berta Dávila. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica de Raíz da fenda de Berta Dávila (XV Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu).

 

Limiar da quebra

No tren da memoria dolorosa

O oficio do crítico é sentir medrar a herba, ser quen de albiscar entre a néboa unha silueta apenas enxergada. E Berta Dávila viña avisando da súa presenza dende hai tempo.

Sentín o tremor da arxila pensa nos seus beizos no 2004, cando os seus dezasete anos rabuñaban a vida en “Tres asaltos” distinguidos nos Premios Minerva.

Ceibáronse logo outros mercurios da escrita e, aínda hai escasos días, os loureiros do Premio Repsol de Novela Curta para O derradeiro libro de Emma Olsen. Polo medio, o ánade ferido, a paisaxe calcinada da Raíz da fenda, intenso poemario co que a autora santiaguesa se fixo co Premio Johán Carballeira organizado polo Concello de Bueu.

A morte da avoa, o oco fervente que a súa ausencia instaura, o absurdo da casa baleira sen ela, os restos do naufraxio, as lañas coas que a enfermidade aldraxou. Nese tren da memoria dolorosa van subidos os mellores versos deste libro, onde tamén hai páxinas para convocar as físgoas amorosas e aínda as indagacións autopoéticas, estas en ronseis máis adoitos.

Ler a Berta Dávila en Raíz da fenda é abismar no limiar da quebra, tomar consciencia de que “algo se move debaixo dos pés,/ no subsolo,/ onde as poucas cousas imprescindibles/ cohabitan,/ sosteñen o demais” e, entre esas contadas realidades, quero eu a súa verba.

Armando Requeixo

Deixa un comentario!