Menu Xerais

Un tributo magnífico á lectura: «A illa de todas as illas», de Xabier P. DoCampo. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo, ilustrado por Xosé Cobas.

 

Un tributo magnífico á lectura

Son dos que entendo que un libro de Xabier P. DoCampo vén sendo sempre un acontecemento e aínda máis cando este chega incorporando unha interpretación artística e plástica da calidade, forza e mesmo primor dun grande da ilustración galega como é Xosé Cobas. Daquela a lectura convértese en algo festivo, pleno e gozoso. Así ocorre nesta ocasión, ao meu xuízo, con A illa de todas as illas.

              Todo está moi medido neste libro: o ímpeto e fluidez descriptiva que o caracteriza e a axilidade coa que se desenvolve o argumento fan que todo flúa no río da narración como auga lizgaira; cada palabra sitúase no seu lugar, cada xiro inesperado no argumento responde a unha intención na que nada se deixa á casualidade nin resulta secundario. Todo se goberna desde unha vontade explícita que aposta por transmitir a relevancia da lectura da nosas vidas artellando, por extensión, unha modélica homenaxe ás voces clásicas da denominada novela de aventuras.

         Para iso Xabier P. DoCampo, non podía ser doutro xeito, introduce a quen se achegue a estas páxinas nas reviravoltas que un grupo conformado por dous rapaces e unha rapaza protagoniza ao internarse nunha illa anónima pero que todos chaman Navalleira. Nela iranse amoreando e describindo experiencias que semellan propias dun soño pero que non o son, ou talvez si, derivadas de encontros fantásticos con personaxes, historias e situacións da narrativa de aventuras de todos os tempos, no medio dunha acaída atmosfera de misterio na que a néboa que cobre a illa esvaece, cando quere, xa non só os propios horizontes físicos senón tamén a verdadeira consciencia da realidade.

         Ao indubidable interese que domina a narración cómpre engadirlle un utilísimo e epílogo baixo o título de “Viviremos, se queremos, nunha illa deserta” onde o autor manifesta, a medio camiño entre a crónica persoal de lecturas e o ensaio informativo, o seu particular recoñecemento aos libros de aventuras anoados polo criterio da insularidade como espazo ao que se lle outorgou especial protagonismo.

          Se a intención era contaxiar ou transmitir a través da escrita a paixón pola lectura que o autor atesoura desde novo é ben evidente que o conseguiu. DoCampo sinala nunha páxina unha verdade que neste libro se transparenta e case se converte nun ben tanxible: “cando les sen atender a cousa ningunha que non sexa a historia que estás lendo, todo canto alí sucede, pásache a ti”. Velaí unha das claves do éxito que, non é difícil conxecturalo, este libro vai suscitar. Alegraríame que así fose pois A illa de todas illas é un libro estimulante que posibilita un reencontro máxico con Stevenson, Golding, Defoe, Verne, Tournier, Scott O´Dell…, tamén cos benqueridos Keola, Robinson, Nemo, Venres, Karana ou John Silver. Sen dúbida, todo un luxo.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!