Menu Xerais

«Agasallar palabras», discurso de Xavier Senín nos Premios Xerais 2014

O tradutor Xavier Senín, como mantedor literario dos Premios Xerais 2014, leu o discurso titulado «Agasallar palabras», no que que comezou lembrando as palabras coas que Jules Verne no seu libro Vinte mil leguas baixo dos mares se refire as augas da ría de Vigo «impregnadas de luz eléctrica», as mesmas augas que navegou no seu iate Saint Michel III, o 1 de xuño de 1878, data na que recalou na cidade de Vigo. Referiuse, despois, Senín as relación de Verne con Vigo e ao feito gozoso de que os participantes no acto recibisen un exemplar d’ A illa misteriosa, traducida por Ánxela Gracián. Felicitouse de que o xenial escritor bretón seguise a ser lido pola rapazada e os adultos de hoxe «porque a súa obra literaria, solidamente construída, soportou o paso do tempo. As súas novelas entraron a formar parte dese paraíso de palabras que comparte a humanidade enteira e ao que podemos acceder na lingua de noso, pois tamén nela están as palabras que o autor escribiu.»

Continuou Senín o seu discurso referíndose á lectura como «un pracer e unha necesidade», ao tempo que se referiu como concebían a experiencia lectora autores tan queridos para el como Juan Farias, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo, Paco Martín, Fina Casalderrey, María Victoria Moreno, Antonio García Teijeiro ou Carlos Carlos Casares. Non esqueceu o papel dos ilustradores, como Xan López Domínguez, Xosé Cobas e Manolo Uhía, «que nos agasallan con imaxes que completan, interpretan e recrean o que está en letra impresa». Lembrou a importancia libraría e da casa dos libros, a biblioteca, «que acolle, integra, innova, aprende, descobre, e todo iso faino por medio de persoas que coñecen e aman os libros, como os promotores de lectura.» A este teor, denunciou Senín os recortes nas bibliotecas: «Algúns gobernantes consideran que os centros bibliotecarios forman parte daqueles servizos que é preciso recortar, e non se decatan de que a biblioteca é a gran niveladora social polo seu carácter gratuíto e universal, que forma parte da súa esencia tanto como o saber que atesoura. A biblioteca, destinada a cambiar as mentalidades e capaz de mobilizar forzas nos individuos, estase a erixir no refuxio da sociedade.»

Rematou Xavier Senín facendo un emocionante lembranza de Manolo Barros, «un home que quería cultura e educación para todos e que loitou para que todos tivésemos un espazo neste país». Gratitude que o mantedor estendeu a todos os escritores e escritoras que teñen a xenerosidade de escribir para mozos e mozas, «porque cando un escribe poñendo a mente nestas persoas que se están a formar, está obrigado a recuperar a esperanza. Uns e outras agasalláronme con palabras, palabras coas que podemos vencer o tempo e o espazo.»

O discurso pode lerse en pdf.

Deixa un comentario!