Menu Xerais

Ánxel Vázquez de la Cruz e Manuel Rivas: dous autores que me prestan. Artigo de Vicente Araguas

Vicente Araguas publicou en El Correo Gallego un artigo sobre dous libros e autores relacionados: Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, e Todo é silencio, de Manuel Rivas.

 

Dous autores que me prestan

Dicíame un amigo escritor o pouco doado que é no mundiño literario atopar autores dispostos a falar ben dos colegas. A facelo sen reservas, que coa boca pequena calquera o fai. Eu desta volta, poisque hai moito que superei a barreira dos cincuenta (a partir da que, dicía o outro, ou es sincero ou parvo), quero loar a dous escritores galegos por razóns diferentes. O segundo, en vencello co anterior. E direi que Luz de tiniebla (Espuela de plata), versión española de Luz de tebra (Edicións Xerais), de Ánxel Vázquez de la Cruz, é libro de relatos sobranceiros, cheos da humanidade que este galeno-escritor prodiga (e non expresarei polo miúdo as esencias dos médicos adicados á escrita, abonda dicir Castelao, Baroja, Marañón ou García-Sabell). Humanidade (e humanismo) adobiados con herbas realistas pero tamén coa maxia que fai das anécdotas categoría nun libro singular, o de Vázquez de la Cruz, que se en galego atopou dúas edicións en español (versión do autor) está aínda por rolar en condicións. E iso malia a fermosura da edición, con capa que reproduce o consabido cadro de Fildes, O doutor. Quen desexe entrar na fondura destes relatos, no Santiago tunante (tuneado polo autor tudense), no Tui, por definición, a raia aínda que fluvial, fai moito, néboa e realidade na xeografía humana máis sensible aínda por mor do estilo finísimo de Ánxel, debera entrar neste libro ardente. E o prólogo é de Manuel Rivas, lanzal e imaxinativo como el mesmo. Un autor tan cosmopolita, desde o galego, que veño de ler a crítica do seu libro Todo é silencio/ All is silence, en The Irish Times. Un longo artigo, do 21 de xuño deste ano, da prestixiosa Eileen Battersby. Refírese Eileen á versión inglesa do libro, publicado por Vintage en traducción de Jonathan Dunne. E dinos a Battersby que se trata de todo un tour de force. Dunha novela chea de horror, humor, verdade sombría e integridade depravada. Que, e isto é moi chamativo, resulta unha novela “moi irlandesa”. E, “last but not least”, que ben podería ser un argumento para os Irmáns Coen. E eu, fachendoso que me sinto do que falan polo mundo adiante do Manolo Rivas. E do ben que resulta, tamén en español, Ánxel Vázquez de la Cruz. Beizón para ambos.

Vicente Araguas

Deixa un comentario!