Menu Xerais

Contra o poder: «Dende o conflito», de María Reimóndez. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Dende o conflito, de María Reimóndez,  a novela gañadora do Premio Xerais de Novela 2014.

 

Un Xerais internacional e de actualidade

Un historiador e crítico da literatura galega hai xa uns anos caracterizou a narrativa galega actual pola súa traducibilidade. É dicir, fronte a continua referencia a Galicia e aos seus problemas da Xeración Nós, por exemplo, a narrativa galega dos nosos días presenta temas, argumentos e personaxes que poden ser entendidos ou válidos en calquera lugar do planeta. Eu coido que esta novela de Reimóndez participa destas características, pero, como é propio na súa xeración, tampouco esquece a situación concreta galega, logrando unha axeitada combinación entre o propio e o universal.

A liña argumental baséase nos traballos e expedicións que unha moza reporteira galega realiza en diversos lugares marcados pola guerra, a fame ou as catástrofes naturais como poden ser Iraq, Etiopía, Afganistán ou Haití. Esta pluralidade de lugares é unha das características da obra, de tal xeito que vemos distintos focos de guerra ou de catástrofes en diferentes lugares do mundo. Mais este internacionalismo convive cos períodos ou mesmo coas voltas atrás que nos presentan a vida da protagonista en Santiago ou en Vilalba. Entretecido con esta actividade profesional da protagonista e mesmo coa análise dos conflitos locais nas zonas quentes, está a súa vida persoal, de amores e desamores, así como as relacións familiares.

En fin, aventuras persoais e profesionais dunha reporteira de guerra e tamén novela de tese para que o lector tome conciencia das guerras e conflitos locais ou da situación da muller, sempre sometida ao home, mesmo nos grupos sociais que parecen máis progresistas. Véxase a este respecto a historia entre Adam e a protagonista. A novela é así unha novela de protagonista feminina, mais tamén unha sorte de ensaio sobre temas tan candentes como a situación sometida da muller ou a crítica da suposta asepsia do xornalismo tipo BBC no Terceiro Mundo, como ben amosan os microartigos de opinión que redacta a protagonista Saínza e que se reproducen na novela. Evidentemente, a crítica vai contra a nova orde mundial imposta pola globalización neoliberal e neoconservadora.

Mais, como xa indicabamos enriba, tamén é unha novela moi enraízada en Galicia e nos seus problemas, desde a análise dos cambios nas relacións de familia, como acontece no caso da propia Saínza, ata a vergoña que pode sentir o fillo/filla con formación cultural perante o pai e a nai aldeáns (o caso de Aurora). Non falta tampouco a reflexión sobre a situación do galego e a súa marxinación na escola.

A autora e a obra premiada este ano co Xerais de novela, ao meu ver, representan moi ben o que eu teño denominado Xeración do Novo Século e M. Bragado, Xeración da Esperanza. Naceron estes escritores e escritoras, como escribín hai pouco aquí mesmo a propósito dun poemario desta autora, despois da morte de Franco. Dánse a coñecer nos primeiros anos do século XXI e está década dos anos dez do XXI supón a súa consagración definitiva. Foron educados xa no sistema político e de ensino que nos trouxo a Transición. Xa non viviron o enfrontamento Leste-Oeste, pois o Muro caeu cando eran rapaces ou rapazas. Mais si viviron as teorías da chamada fin da historia, o neoconservadorismo global, o fraguismo en Galicia, os descrédito dos partidos da esquerda tradicional ou o 11-S e as súas consecuencias. Debido ao tempo histórico que lles tocou vivir, os membros desta xeración son, en xeral, críticos co actual neoconservadorismo e capitalismo salvaxe, así como co proceso de globalización que explota os máis débiles. A súa literatura, sen se adscribir a ningún partido nin grupo en concreto, sen perder a súa calidade estética, amosa un claro compromiso coa reivindicación do galego e da identidade de noso, mais tamén se compromete na loita contra a globalización neoconservadora, a defensa dunha orde mundial máis xusta, o feminismo ou mesmo con movementos de base tipo 15-M. En fin, nesta novela aparece unha frase que describe ben esta postura galeguista e universalista dos membros desta xeración: ser xornalista ou cooperante nos lugares de conflito (Siria, Etiopía, Haití…),  levando a camiseta de Nunca máis e defendendo o ideario enriba esbozado, Iso era ser galega no mundo (páx. 278). (…)

Volvendo ao rego, coido que estamos perante unha novela que nos reflicte moi ben o que é a chamada Xeración do Novo Século/Esperanza. Débese, por outra banda, a unha das autoras máis constantes desta xeración, xa que Reimóndez, ademais da narrativa, cultiva a poesía e o ensaio. Esta xeración, na liña dos Brais Pinto, por exemplo, asume na súa obra iso que se dá en chamar ´ser galego no mundo´. Esta novela é bo exemplo desta actitude. Algúns dirán que a súas teses sobre feminismo, globalización que explota os máis pobres e outros temas semellantes poden resultar cargantes e ata antinarrativas e decimonónicas. Mais, perante a propaganda sen parar que fan os medios da devandita globalización e sociedade neocapitalista, ao mellor a literatura é un dos poucos refuxios onde se ten que acubillar a crítica contra o poder, que non sempre está nos medios ou no Estado, senón entre os nosos veciños e familiares. Nese sentido recomendo ler o suposto texto ensaístico, incluído na novela, de Saínza Combarro, A semente da guerra, onde se describe o comportamento submiso dun grupo fronte a un déspota doméstico (páxs. 187-189). Dise que a literatura educa para a vida. Eu teño que dicir que este texto da novela axudoume moito, pois o día despois de o ler, topei nunha reunión de veciños de comunidade cun déspota coma o que dirixe a mata do porco na novela. Comporteime como ensina Saínza-Reimóndez e foinos moi ben a todos. Ademais gocei moito. Cómpre comentar este texto (páxs. 187-188) nas clases de ESO e Bacharelato. Boa vacina contra a submisión… e contra o autoritarismo despótico.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!