Menu Xerais

Ledicia Costas, Eduardo Santiago e María Reimóndez, Premios Xerais 2014

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 7 de xuño, ditamináronse a XXXIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXIXª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.

Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre os que se atopaban Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, en representación da Xunta de Galicia, deputados do Parlamento Galego, concelleiros de Vigo e Redondela, escritores, editores, libreiros, bibliotecarios, profesores e colaboradores da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.

Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada e deu paso a primeira intervención do grupo musical Puntada sen fío, formado por Xiana Lastra, Juan Collazo e Roberto Rama.

O tradutor Xavier Senín, como mantedor literario desta velada, leu o discurso titulado «Agasallar palabras», que comezou lembrando as palabras coas que Jules Verne no seu libro Vinte mil leguas baixo dos mares se refire as augas da ría de Vigo «impregnadas de luz eléctrica», as mesmas augas que navegou no seu iate Saint Michel III, o 1 de xuño de 1878, data na que recalou na cidade de Vigo. Referiuse, despois, Senín as relación de Verne con Vigo e ao feito gozoso de que os participantes no acto recibisen un exemplar d’ A illa misteriosa, traducida por Ánxela Gracián. Felicitouse de que o xenial escritor bretón seguise a ser lido pola rapazada e os adultos de hoxe «porque a súa obra literaria, solidamente construída, soportou o paso do tempo. As súas novelas entraron a formar parte dese paraíso de palabras que comparte a humanidade enteira e ao que podemos acceder na lingua de noso, pois tamén nela están as palabras que o autor escribiu.»

O xurado da XXIX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e catro obras, formado por Eulalia Agrelo (profesora e presidenta de ELOS-Galicia), Romina Bal Botana (licenciada e filoloxía galega e blogueira), Nuria Díaz Berride (ilustradora), Miguel Vázquez Freire (profesor e escritor), Mª Isabel Vázquez Rosales (mestra) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «Animais con ánima»«Último voo»«Escarlatina» e «Amencerá canda o sol». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Escarlatina», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Ledicia Costas corresponde ao título Escarlatina. A cociñeira defunta. O xurado recomendou á editoral a publicación do poemario presentado co lema «Animais con ánima».

O xurado da VIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e catro obras, formado por Cristina Novoa Fernández (asesora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), Dolores Sans Boga (profesora), Mariña Castro Fontao (alumna de 3º da ESO), Minia Monteagudo Vilavedra (alumna de 4º da ESO), Sabela Salgueiro Couto (alumna de 1º de Bacharelato) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas: «O Gran Reino»«Silencio» e «Genet». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «O Gran Reino», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Eduardo Santiago Soto e corresponde ao título O Gran Reino. O xurado recomendou á editorial a publicación das obras finalistas presentadas baixo os lemas «Silencio» e «Genet».

Por último, o xurado da XXXIª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron trinta e nove obras, formado por Avelina Rodríguez Gil (profesora), Susana Pedreira Buján (xornalista), Montserrat Dopico (xornalista), Marta Fernández Alberte (profesora), Benxamín Rioboo Sanluís (libreiro) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas: «Sebastian Nell»«Dende o conflito» e «A mirada de Ismael». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Dende o conflito» que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Reimóndez e corresponde ao título Dende o conflito. O xurado recomendou á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema «Sebastian Nell».

Máis información no blog Xerais e na etiqueta de Twitter #Premiosxerais14

Deixa un comentario!