Menu Xerais

«O Gran Reino» de Eduardo Santiago, premio Jules Verne de literatura xuvenil 2014

O xurado da VIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e catro obras, formado por Cristina Novoa Fernández (asesora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), Dolores Sans Boga (profesora), Mariña Castro Fontao (alumna de 3º da ESO), Minia Monteagudo Vilavedra (alumna de 4º da ESO), Sabela Salgueiro Couto (alumna de 1º de Bacharelato) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas: «O Gran Reino»«Silencio» e «Genet». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «O Gran Reino», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Eduardo Santiago Soto e corresponde ao título O Gran Reino. O xurado recomendou á editorial a publicación das obras finalistas presentadas baixo os lemas «Silencio» e «Genet».

O autor d’ O Gran Reino, Eduardo Santiago (Pontevedra,  1964) é diplomado en Profesorado de Educación Xeral Básica (especialidade de Ciencias) e actualmente traballa na Administración periférica do Estado español. Como narrador ten publicado dúas novelas de ficción científica, nas que salienta o papel fundamental da muller como motor do cambio político e social: 2044 (2011) e A teoría do tempo imaxinario (2013).

No seu ditame, o xurado da VIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou o seguinte:

«Gala, unha rapaza de catorce anos brillante nos estudos e cunha imaxinación portentosa, é a protagonista d’ O Gran Reino, obra que para o xurado mereceu o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2014. O carácter especial de Gala, o seu exacerbado narcisismo e unha marcada competitividade, acaban por condenala ao abandono por parte das súas amigas. Ante esta situación de soidade e de infelicidade, mergúllase na lectura de forma compulsiva, sobre todo de obras que ela mesma definía como de «mundos paralelos», e asemade vai diminuíndo a súa necesidade de inxerir alimentos: dous factores que, unidos, provocan en Gala un afastamento da razón e a convicción de que o reino de Margonia está agardando por ela.

Despois de sufrir un episodio grave de saúde acompañado dunha perda de conciencia, os pais ingrésana nunha unidade somática para recuperarse e alí desenvolve múltiples estratexias de manipulación coas súas compañeiras e cos doutores e doutoras que a tratan para facerlles ver (e tamén para demostrarse a si mesma) a súa capacidade de control sobre as persoas e sobre o mundo. Así e todo, a psiquiatra Lourdes Regueiro, con quen establece unha relación moi especial, intensificada pola falta de afecto e de comprensión dos pais, vai converterse, con non pouco esforzo, na súa confidente, na única persoa que terá acceso ao Caderno Vermello de Gala. Para comprender en que consiste exactamente a súa doenza, a doutora Regueiro deberá descifrar o enigma da pedra fractal, descrito pola rapaza neste Caderno Vermello onde aparecen as características dos catro reinos que conforman Margonia.

En O Gran Reino mestúranse os capítulos da realidade literaria cos fantasiados pola protagonista nos momentos de vulnerabilidade. As entradas e saídas nese mundo fantástico creado pola protagonista concédenlles ás lectoras e aos lectores un respiro na intensa narración dunha vida adolescente marcada pola anorexia, a loucura e a falta de cariño dos pais. Cuns diálogos áxiles, unha maxistral creación psicolóxica dos personaxes e unha estrutura moi reflexionada, esta novela consegue engaiolar dende a primeira páxina e manter a tensión narrativa ata o seu sorprendente desenlace.»

 Eduardo Santiago confesou «que cando o 31 de maio souben que O Gran Reino era unha das obras finalistas  tiven a sensación de que eu escribira a novela gañadora, mais ao pouco decateime de que, posibelmente, as outras dúas ou os outros dous finalistas terían a mesma sensación. Foi unha semana de constantes incertezas. Un día pensaba que si e ao seguinte que non, aínda que no fondo estaba convencido de que si. Cando me comunicaron o fallo foi como unha liberación, a confirmación de que O Gran Reino é unha historia que paga a pena ser publicada, merecente ademais dun premio no que máis da metade do xurado está composto por mozas de menos de dezaoito anos.»

«Escribín O Gran Reino como unha reacción ao gran “boom” das novelas xuvenís de mundos paralelos dos primeiros anos deste século XXI. A idea deuma a miña filla Raquel, unha auténtica fonte de inspiración para min, que tamén estaba farta de ler sempre a mesma historia con distintos personaxes. Ocorréuseme que había un certo paralelismo co que acontecera a finais do século XVI coas novelas de cabalerías. E se daquela un famoso escritor colleu a pluma para novelar maxistralmente aquel sen sentido, por que non ía poder facer eu algo semellante, salvando as distancias, no século XXI? O Gran Reino é unha ficción na que se narran acontecementos reais, durísimos, mesturados con fantasías marabillosas, que farían as delicias de autores como Lewis Carrol.»

Deixa un comentario!