Menu Xerais

Prosa áxil e transparente: «Dende o conflito», de María Reimóndez. Crítica de María Xesús Blanco

 

Dende o conflito, de María Reimóndez

En Dende o conflito (Novela merecedora do Premio Xerais 2014) a escritora lucense María Reimóndez, autora de obras recoñecidas e galardoadas como O club da calceta, O caderno de  Bitácora, Usha ou A dúbida, artella un escenario poliédrico arredor da traxectoria vital dunha reporteira galega que informa sobre situacións de conflito para a BBC. Cunha prosa áxil e transparente, a trama lévanos por territorios como Kigali, Bagdad, Addis Abeba, Afganistán, Sri Lanka ou Porto Príncipe. Máis tamén a espazos máis próximos nos afectos, como Londres, Berlín, Compostela ou Vilalba. Lugares que, dun xeito paradoxal, amosarán a faciana máis fráxil e apaixonada da protagonista e aos que retornará con frecuencia, en definitiva, para coller folgos e sentir a calor e a amizade dos seus.

Estamos ante un xeito de contar que zumega emoción e que convida a reflexionar. Como case todo o que escribe María Reimóndez. E que, máis alá de contar feitos estremecedores, afonda nas razóns do que acontece cuestionando algúns aspectos do noso tempo a través dunha xornalista, que pese aos aMaria_Reimondeztrancos e as dificultades por ser muller, ergue a súa voz para que outras e outros tamén o poidan facer. Asemade, a presenza de personaxes diversas e a mestura de diferentes rexistros narrativos como diálogos, crónica xornalística, cartas, pequenas historias ou correos electrónicos conforman unha magnífica proposta narrativa.

Moi interesantes os fragmentos de textos de índole xornalístico ao longo da novela de recoñecidas reporteiras de guerra como Mari Calvin, Lara Logan, Martha Gellhorn ou Sofía Casanova, que celebran ás mulleres que foron, e que son quen de tomar posición e de escribir a verdade sobre situacións de conflito para dar luz como ben di a protagonista “ás raíces das guerras que levan por diante as vidas das persoas que queremos e daquelas que non coñecemos pero ás que nos une a máis básica humanidade”.

Unha novela dende o conflito e sobre a maneira de facer xornalismo, dende a invisibilidade e sobre a urxencia de construír afectos e de tender pontes para transformar a sociedade. Un xeito de facer literatura  que doe e que fai gozar, e que agasalla ao lector cunha lectura intensa e pouco convencional.

María Xesús Blanco

Deixa un comentario!