Menu Xerais

Queres participar nalgún dos xurados dos Premios Xerais 2015?

Despois de tres décadas de protagonismo dos lectores e lectoras non profesionais nos xurados dos seus premios literarios, Xerais acordou neste ano 2015 abrir a posibilidade de que participen neles aquelas persoas que así o desexen. Con esta intención, ábrese unha convocatoria para escoller tres persoas que formarán parte de cada un dos xurados da 32ª edición do Premio Xerais de novela, da 30ª do Premio Merlín de literatura infantil e da 7ª do Premio Jules Verne de literatura xuvenil.

Nesta convocatoria poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos e residentes en Galicia que antes do 16 de marzo de 2015 envíen ao correo xerais@xerais.es un texto no que xustifiquen o seu interese por participar no xurado que sexa da súa preferencia. Nesta comunicación deben facer constar o seu nome, enderezo postal, teléfono, correo electrónico de contacto e calquera outro dato persoal que consideren de interese para candidatarse.

As persoas participantes nesta convocatoria comprométense a valorar os orixinais que sexan sometidos á súa consideración durante os meses de abril e maio de 2015, a asistir ás dúas reunións deliberativas convocadas pola editorial, así como a acudiren ao acto do ditame que se celebrará no curso da Festa Xerais o 6 de xuño de 2015. Do mesmo xeito, asumen que estas tarefas non serán retribuídas, declaran non ter relación familiar con ningunha das persoas concorrentes e comprométense a manter confidencialidade sobre as lecturas, deliberacións e acordos nos que participen.

Para calquera dúbida sobre os termos desta convocatoria, escribir a xerais@xerais.es

Vigo 24 de febreiro de 2015

Deixa un comentario!