Menu Xerais

Un autor que converte cada nova novela súa nun éxito sen renunciar á lingua, aos referentes e aos escenarios propios: «Os fillos do lume», de Pedro Feijoo. Crítica de César Lorenzo Gil en «Biosbardia»

César Lorenzo Gil publicou en Biosbardia unha recensión crítica sobre a novela Os fillos do lume, de Pedro Feijoo.

 

‘Os fillos do lume’, un trato xusto

Pedro Feixoo é un dos varios escritores en lingua galega que procura superar o nivel medio de vendas en cada unha das súas novelas. Ao contrario da maioría dos seus colegas, el consegue o seu obxectivo e conta cada publicación como un “éxito” comercial, relativizando este termo nun mercado cativo e marxinado coma o galego. Nese espazo da procura do best-seller no noso idioma, onde outros fracasan, el acerta. Nun momento no que xa non hai unha identificación clara entre narrativa galega e unha pequena presada de nomes, Feixoo conseguiu crear a súa propia marca. Os fillos do lume (Xerais) é un claro manifesto do modelo de ficción que o vigués ofrece e que o seu público pide.

Os fillos do lume é unha novela convencional, accesible e moi facilmente resumible. Durante a festa da Reconquista de Vigo, alguén asasina o “napoleónico” alcalde da cidade. Simón e Mariña, protagonistas da primeira novela da serie, Os fillos do mar, deben investigar o crime e acabarán enredados nunha conxura cuxo pano de fondo son as vicisitudes históricas da localidade.

Entre a intriga, a aventura, o wikipedismo e o humor define Feixoo as coordenadas deste libro. Nútrese da tradición do folletín pasado pola evolución da ficción narrativa, especialmente a través do guión televisivo. O autor non agocha as costuras da súa inspiración. O relevante de libros coma este non é o texto senón o contexto, procura máis unha sensación ca unha mensaxe. É un libro que busca que o lector o devore a cada páxina, un pasatempo con máis prestixio ca un encrucillado no xornal ou unha partida a calquera xoguiño do móbil. Un libro que, como todos os da súa caste, precisa que o comprador o perciba como un bo investimento na ratio de número de páxinas que paga cos seus 21 euros e a súa equivalencia en horas de lecer.

A trama é moi básica e pon a proba o fígado da verosimilitude desde o primeiro capítulo. Ao lector non lle chega con suspender a incredulidade, debe amordazala e metela nunha cámara frigorífica insonorizada.

A novela faise costa arriba para lectores que procuran un mínimo de coidado literario. Non é que estea mal escrito. Ao contrario, Feixoo é, nesta obra, ben menos edulcorado ca outros escritores galegos actuais cos mesmos obxectivos e fai un esforzo por conter a tendencia habitual por sobreadxectivar. Mais en ningún momento se permite a liberdade de deixar unha pegada estilística, de modernizar o xénero aínda que sexa unha migalla.

Seguramente porque Feixoo considera que o seu estilo está nos diálogos. O autor gústase cando deseña liñas de diálogos, ensaia un rexistro humorístico e áxil que se nota seguro. O diálogo é a vía que o propio autor ten para amosarse tal e como lle gustaría que o lector o percibise. A marca persoal que consegue que unha novela de Pedro Feixoo se lea porque é de Pedro Feixoo.

Cando digo que o contexto interesa máis ca o texto nesta novela, cómpre valorar a naturalidade de Feixoo para ofrecer produtos estándares na literatura comercial tomando referentes propios. Afeitos aos escenarios simbólicos alleos (especialmente os localizados nos EUA, a través da súa acoirazada industria cultural) sempre dá gusto ver que se pode plasmar (con éxito) ideas imaxinativas coma o asasinato do alter ego de Abel Caballero ou converter a microhistoria de Vigo en algo tan substancioso que alicerza unha novela. O tópico di que a literatura serve para explicar a sociedade na que se crea dun xeito máis auténtico que calquera outra ciencia. A literatura como aplicación práctica da historia. Facendo unha paráfrase, a narrativa de Feixoo é unha aplicación práctica da teoría do Turismo. Non en van, Feixoo acaba de publicar Camiñar o Vigo vello (Xerais) e engade para cada un dos seus libros un roteiro literario.

N’Os fillos do lumeFeixoo conseguiu o equilibrio entre a súa proposta e as expectativas dos seus lectores. Foille máis doado que en anteriores traballos porque volveu á orixe pero ten mérito igual porque ninguén vai quedar decepcionado se xa era lector seu. Mais hai que recoñecerlle que segue a ser fiel á lingua propia e a unha visión simbólica xenuinamente galega e autónoma. Feixoo non necesitou renunciar a nada para ser publicado en castelán. A súa é unha narrativa popular non literaria que non só conecta cun público estable e fiel senón que logra que determinado tipo de lector se sinta a gusto e recunque. Nun momento no que seguimos en perigo de confundir a literatura galega cun xénero literario máis na mente do comprador de libros, esta fenda para rachar tópicos e preconceptos é unha gran noticia.

César Lorenzo Gil

Deixa un comentario!