Menu Xerais

Un relato imprescindible nestes tempos de reggaeton.: «Música no faiado», de Miguel Ángel Alonso Diz. Crítica de Manrique Fernández

O blog O meu andel publicou unha recensión crítica de Manrique Fernández sobre o libro Música no faiado, de Miguel Ángel Alonso Diz, ilustrado por Laura Tova. O libro está publicado por Xerais na colección infantil e xuvenil Merlín.

Miguel Ángel Alonso Diz, «Música no faiado»

Lucía e Miguel son dous nenos que pasan unha tarde de chuvia na casa do avó, aburridos, cando uns ruídos procedentes do faiado empúrranos a investigar a súa procedencia, aproveitando que os pais foron de compras e o avó está a roncar no sofá. Tal é a orixe desta historia na que os nenos, remexendo nas moitas caixas que se acumulan no faiado, acabarán por descubrir algúns segredos familiares agochados durante anos e que teñen que ver coa marcha do seu bisavó aos Estados Unidos.

Aquilino, que tal era o seu nome, tocaba a guitarra, e nas terras ás que emigrara aproveitou a súa habilidade para sobrevivir, chegando a coñecer, mesmo a actuar, con personaxes tan representativos da historia da música no século XX coma Robert Johnson, Bessie Smith ou Elvis Presley. Logo do seu regreso, serán os fillos (os avós dos nenos) os que teñan que emigrar, agora a Inglaterra, onde por influencias de Aquilino acaban amigando con John Lennon, entre outros. Pero un suceso que ten que ver coa represión e a canción protesta dos anos 70, e sobre o que non daremos máis pistas, trunca a dinámica musical da familia afastándoa do pentagrama.

Miguel Alonso aproveita a novela para facer un percorrido polo mellor da música do século XX, xogando para iso coa memoria familiar e cun relato agochado pero que aos nenos lles toca moi de preto, xunguindo así ambos conceptos (música e memoria) nunha historia que ten algo de detectivesca, mesmo un punto de iniciática. E faino cun estilo directo e sen artificios, conseguindo así unha lectura doada e amena. A emigración, a supervivencia, as relacións familiares e a memoria, son outros dos alicerces sobre os que se sustenta un relato imprescindible nestes tempos de reggaeton.

Manrique Fernández

Deixa un comentario!