Menu Xerais

A cartografía literaria de Xavier Queipo: «55», o dominio da arte e dos segredos do relato. Crítica de Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica sobre 55, de Xavier Queipo.

Amplo e versatil percorrido narrativo

Con esta ampla e heteroxénea colectánea de relatos, Xavier Queipo baleira as súas tullas e agasállanos cunha boa presada de historias en formato breve, recuperando así unha parte importante da súa obra dispersa que foi aparecendo, ao longo das dúas últimas décadas, en publicacións hoxe difíciles de atopar tales como xornais, revistas ou fazines dalgún pub, carpetas, publicacións efémeras, que poucas veces tiveron algún tipo de distribución. O volume que inclúe ademais textos inéditos, algúns sen rematar, que ven así luz por primeira vez, cumpre varias funcións.
En primeiro lugar a de levar a cabo “a gran limpeza do verán”, como a define o autor no “Limiar de agarimos diversos”. No verán de 2012, co motivo ou escusa de se cumpriren os cincuenta e cinco anos do escritor, unha cifra para el asustadora, acordou limpar os seus ficheiros e airear os textos que ficaban en redutos invisibles ou moi arredados. Textos narrativos pois cos que o escritor se fai un agasallo a si mesmo e, xaora, a todos os lectores que desde hai moitos anos seguimos, con apego e perseveranza, as creacións literarias de Xavier Queipo. Esta “limpeza do verán” abarca un período que se estende desde o ano 1994 ata a data da compilación, xuño de 2012.
En segundo lugar, esta antoloxía de textos pretende amosar o lugar que o escritor Xavier Queipo ocupa no mundo, o mundo da escrita supoño, as súas paixóns e querenzas. Un ecosistema de múltiples variables nas que vai fraguando unha cosmogonía aínda en construción (páxina 9). Nese seu persoal mundo da escrita, algúns textos nacen como xermolos (“avant-textes”) doutros más extensos. É aquí onde o escritor proporciona abondas probas da súa febra e riqueza creativa. Ese pulo que é capaz de erguer verdadeiras historias ficcionais condensadas polo xeral en poucas páxinas. Historias ademais dunha grande heteroxeneidade tanto temática como estilística, que o escritor extraeu das experiencias persoais (médico nun sanatorio psiquiátrico, das súas viaxes, como tal ás selvas asiáticas, logo de ter rematado os estudos de bioloxía, da exclusión social, da emigración forzosa…) E tamén dos seus soños: os soños marítimos ou esa Grenlandia que sempre estivo no seu panteón xeográfico.
O autor ordena o libro en varias seccións ou pólas que dan fe da capacidade creativa poliédrica do escritor á que me veño referindo. Non entanto, malia esas heteroxeneidade forman unha perfecta amalgama na que están representadas algunhas das vetas creativas dun dos grandes escritores actuais do sistema literario de noso.
A primeira destas pólas está dedicada aos relatos de temática marítima. Teño para min que Xavier Queipo é o gran fabulador verbo do mar na literatura galega. O mar e as súas aventuras inaugurara con Ártico e outros mares (1990) a produción literaria do escritor, que prosegue con O paso do noroeste (1996). Non o mar de ceifas, salitres, baixíos e tesíos das nosas rías, tampouco o mar irreal de Manuel Antonio, senón as augas, ondas e galernas lonxícuas e afastadas dos mares do mundo enteiro, ateigados de viaxes, aventuras, naufraxios épicos ou derrotas éticas neses mares intemporais e fantasmagóricos. Ou en terrras onde os homes viven situacións extremas.

Xavier Queipo (Foto Cé Tomé))A persoal singradura contística de Xavier Queipo transita dos mares de lonxe á terra coñecida (Galicia e Bruxelas). Una sección do libro que se inicia cunha ollada retrospectiva que semella unha autobiografía do escritor desde cativo ata a idade de corenta e catro anos e un día. Mais quizais haxa trampas e o que semella relación autobiográfica non o sexa ao cen por cen. Saliento nesta parte, pola súa gordura diexética, os relatos “Mutante. Exercicio de estilo”, “Rutina na cela 43” e “Os arroaces de Muros”, unha historia á vez tráxica e mítica condensada en dúas páxinas.

Outras pólas desta antoloxía compilatoria son “Instrucións”, sen dúbida a parte que máis se acerca á escrita ensaística. Ensaios minúsculos, mais escritos con gran agudeza, acuidade e ton categórico, non dogmático porque o autor síntese abafado pola incertezas. Saliento o que leva por título “Instrucións para non ter unha leira na cabeza, unha enxeñosa deconstrución do minifundismo mental.
Refírome finalmente a outros textos de valor impagable, que se insiren na particular querenza do autor pola entomoloxía. Xavier Queipo ten a habilidade de crear literatura e ficción, como xa ofrecera abondas mostras en Contornos (1995), Mundiños (1996) ou O ladrón de esperma (2001), arredor da bichería: de escaravellos, moscas sen ás, saltóns, cínfanos, cabaliños do demos, bolboretas, moscas carniceiras do novo mundo. Ou o apareamento dos escornabois, un relato engaiolante baseado na observación do comportamento dos animais, neste caso dunha “efémera coreografía sexual” e que, sen pretendelo o autor, foi interpretado como un relato erótico de alto voltaxe.
As cincuenta e cinco historias de 55 poñen á vista a un autor que domina as distancias curtas con gran solvencia, e faino ademais nun periplo poliédrico. Desde a alta literatura de aventuras, desde o grande mar fabulado, presentados en formato curto, transita o escritor con moita naturalidade a exercicios de estilo, descricións de lugares, de animais e os seus comportamentos, sen esquecer a crítica dos prexuízos e ideas preestablecidas.
Así pois, unha equilibrada amalgama de temas contados con gran sinxeleza expositiva por un autor que domina a arte e os segredos do relato, que sabe gardar o equilibrio entre realidade e ficción, que é capaz de rachar os lindes do etnicismo, sen renunciar as súas raíces. E mantén sempre unha sólida narratividade. Eis, na miña estima, os trazos fundamentais destas prosas que no seu conxunto sinalan acaidamente os rumbos da persoal cartografía literaria de Xavier Queipo.

Francisco Martínez Bouzas

 

 

Comentarios pechados