Menu Xerais

«A caza do Ghazafello», de Denís M, e «Os megatoxos e o aprendiz de druída», de Anxo Fariña, dúas propostas de lectura de Brabádegos

Brabádegos, o portal de literatura infantil e xuvenil publica unha recensión sobre dous libros de Xerais. O primeiro é o libro-CD A caza do Ghazafello, unha novela de Denís M. e música de Marcos Payno que reúne a importantes músico galegos e á ilustradora Sara López, con produción de Valentín Torrado. O segundo é Os megatoxos e o aprendiz de druída, de Anxo Fariña.

 

Rapazolos que apupar!

Hoxe falamos no souto de dúas propostas de Xerais ideais para os nosos mozotes:
Era un día normal, nada tiña de especial… Era unha mañá do máis normal ninguén podería imaxinar que estaba a piques de comezar unha aventura sen igual…. hohoho hahaha… Que ten ese rapaz que vai aló que lle van caendo os pantalóns…
Coidado raparigo anda ceibo Pedro Chosco… o dono desta fraga!
A caza do Chazafello non é un libro ao uso que traia un CD calquera. A caza do Chazafello é o libro disco que debes meter no coche, que debes pór a soar nas ocasións especiais. É un CD coas mellores voces do noso panorama musical e ten ritmo bailongo. Que os vosos nenos vos din que sodes antigos, que non sabedes como collan un libro nas mans?
Este non un libro aburrido. Xerais garda entre as súas orixinais propostas un paseo para preguiceiros. Eses que non teñen nada de parvos, pero só len cando merece a pena. Farto de loitar con eles nesa etapa de adolescencia rebelde? Vai ter que esforzarse moito o seu tacto, o teu gusto –haberá comida a eito–, encherás o seu ouvido con imaxes marabillosas… E sobre todo vai ter que traballar a feito o músculo de pensar, ese sentido que non se ve, que lle chaman imaxinación. Espero que a teñan ben adestrada porque lle imos ofrecer en doses moi altas o alimento que máis a excita: os debuxos, a música e as palabras.
(Xurxo Souto)
A música, co selo de Marcos Paino á fronte, está interpretada pola Orquestra das Ánimas coas voces de, entre outros: Antón Reixa, Xurxo Souto, Ugia Pedreira, Pulpiño Viascón, Carcía MC, IcoManolo Maseda, Coralie Yap-Chine. As ilustracións de profundas fragas e lobos penetrantes que van máis alá do mundo dos vivos son de Sara López e a autoría é de Denis López Horro.
Unha obra esta que podes agregar á túa música favorita e en galego. Ninguén pode superar unha oferta que conxuga unha boa lectura con música da boa en galego e gamberra!!! (menos de 15 euros).

A outra obra que recomendamos para os rapazolos é Os Megatoxos e o aprendiz de druída que forma parte da primeira entrega da exitosa serie de Anxo Fariña. Nesta primeira entrega os catro mozos terán que viaxar no tempo para procurar respostas na terra dos seus antepasados, os celtas.
Os Megatoxos son catro mozos que teñen que compatibilizar as clases no instituto, cunha dobre vida que os impulsa a viaxar na procura dunha cura para a súa mutación xenética, un cambio provocado por unha planta moi especial, o Toxo. Esta planta mutante ten, entre outras, a capacidade de viaxar no espazo e no tempo.
O día en que Ruxe, Faísca, Ninfa e Lúa comezaron o curso, apenas se coñecían. Mais un accidente inesperado fará que as súas vidas muden para sempre.
Decataranse de que teñen algo especial en común, máis aló de asistir ao mesmo instituto, e que nas súas vidas hai preocupacións máis fondas que entregar a tempo os traballos de clase.
Estraños poderes, aventuras sorprendentes e misteriosos encontros. Os catro mozos terán que viaxar no tempo para procurar respostas na terra dos seus antepasados, os celtas… Unha saga que merece a pena tanto pola temática como pola achega de vocabulario, as estilizadas ilustracións do autor e a conexión coa terra e a súa historia. Acerta e non te compliques, merca libros que lle van gustar!!!
Enra na remozada páxina www.xerais.es e mergúllate nun catálogo inmenso. Aproveita e bótalle un ollo ás obras gañadoras deste ano (Premios Xerais  2012)

Comentarios pechados