Menu Xerais

«A cripta do Apóstolo», novela de aventuras para a mocidade

O crítico Xosé Manuel Eyré publica unha recensión en A Nosa Terra na que aborda dúas novela da colección Fóra de Xogo publicadas recentemente por Xerais: A cripta do Apóstolo e Dragal.

Reproducimos a continuación o que se di de  A cripta do Apóstolo, de Pere Tobaruela:

Como Hadrián, na de Gallego Abad, nA cripta do do apóstolo do barcelonés (xa radicado entre nós) Pere Tobaruela tamén hai un elixido, e tamén ese feito ameaza con cambiar a súa vida. Nesta segunda novela (a versión galega é responsabilidade de Rosa Boullón) a vontade de cooperar na formación en valores dos máis novos tamén é patente. Por exemplo, e xa de inicio, porque é ponte que achegue informacións sobre o Camiño de Santiago, informacións máis pertinentes para lectores non galegos, mais que tampouco están de máis para os galegos e están plenamente xustificadas ou esixidas pola propia trama novelesca.

Un grupo de alumnos cataláns disponse a facer unha excursión seguindo o Camiño de Santiago, acompañados de profesoras e monitores. Un dos monitores, máis vello ca os demais, cunha sospeitosa cicatriz na cara. Un dos alumnos, pola súa banda, é o elixido e el nin o sabe nin semella nada dado a colaborar. A trama avanza, así, de etapa en etapa, e con ela o coñecemento/develamento das personaxes e os misterios que con elas levan. Xacobe, Paula, Jaume e  Candela teñen por diante 16 días para coñecerse mellor, resolver varios misteriosos anagramas, loitar contra as bochas nos pés, atender explicacións históricas, rapear, rir co padre Francisco, namorarse e evitar a grande hecatombe final que ameaza. Unha trama ben dosificada, que alterna momentos dramáticos, humorísticos, (in)formativos, sentimentais… creando un clima variado onde o lector poida atopar diferentes ancoraxes que lle reteñan o libro nas mans.

Coma na novela de Gallego Abad, nesta de Toubaruela bótase de menos un chisco máis de ambición, non conformarse tan doadamente e abrir a trama decididamente ao lector adulto, profundizando nas implicacións que os temas teñen na vida tanto de lectores como de persoal, non reducindo tanto a conformación psicolóxica das personaxes a estándares adolescentes que son hoxe igual que hai 20 anos. De xeito que o tema e a trama se vexan redimensionadados e así atrapen o lector, calquera lector, adulto e mozo, ao sentiren o tema, a trama, as personaxes, a novela, como unha atmosfera que os succiona, que os interesa canto máis dentro están e canto máis dentro están menos claro ven o desenlace.

Xosé Manuel Eyré

A recensión crítica completa pode lerse aquí.

.

Comentarios pechados