Menu Xerais

A escritora Iria Misa gaña o IV Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade

Este venres 30 de outubro de 2020, ás 18 horas, reuniuse, de maneira telemática dada a situación sanitaria derivada da pandemia, o Xurado do IV Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por Da Antía Yáñez Rodríguez, D. Manuel Bragado Rodríguez e Da. María Xesús Fernández Fernández. Unha vez rematada a reunión emiten o seguinte DITAME:

O Xurado acorda, por unanimidade, outorgar o IV Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á obra titulada A CIDADE DO ÁTOMO presentada baixo o lema ou seudónimo de A MÁSCARA. Unha vez aberta a plica, resultou ser o/a seu/súa autor/a IRIA MISA PERALBA

O xurado salienta a alta calidade media das obras presentadas e recomenda tamén a publicación dos orixinais baixo os lemas «Monadas cuánticas», «Bartolina Sisa» e «Vega». Respecto a obra gañadora,

«A cidade do átomo» destaca a orixinalidade do tratamento do tema, a paisaxe abandonada da cidade ucraína de Prípiat, tras o accidente o 27 de abril de 1986 da central nuclear de Chernóbil. Destaca ademais a nivel estilístico a alta calidade da lingua empregada, así como a amenidade dun relato no que se mesturan textualidades diversas. «A cidade do átomo», dirixido a un público infantil, pode interesar sen dúbida ao lector ou lectora de calquera idade, amolando que é posible conocer outras realidades dende a nosa lingua e ampliando así o horizonte
temático da nosa lix.

Iria Misa Peralba (Gondomar, 1983) é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e profesora de ensino secundario. Como narradora publicou na colección Fóra de Xogo as novelas “Xa non estou aquí” (Xerais, 2016), Premio Jules de Verne de Literatura Xuvenil 2016, “Segredos no Solpor” (Xerais, 2018) e “Mamá, quero ser Ziggy Stardust” (Xerais, Sopa de Libros 2018), finalista do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.

A noticia foi recollida polos seguintes medios de comunicación:

Comentarios pechados