Menu Xerais

«A noite branca», de Francisco Fernández Naval, Premio Irmandade do Libro á mellor obra literaria de 2012

O pasado sábado celebráronse en Monforte os Premios Irmandade do Libro, que concede a Federación de Libreiros de Galicia. Como xa informamos o pasado 16 de abril, a autor galardoada este ano en recoñecemento á súa traxectoria e dedicación ao mundo do libro foi María Xosé Queizán. En canto ao premio como mellor iniciativa de fomento da lectura, recibiuno Antonio Reigosa pola web Galicia Encantada. Finalmente, o mellor libro do ano 2012 foi para Francisco Fernández Naval pola súa novela A noite branca.

Manuel Bragado, director de Xerais, recolle en Brétemas unha crónica completa do acto. Así mesmo, a web Redelectura, da Asesoría de Bibliotecas Escolares dedica unha anotación á obra infantil e xuvenil de María Xosé Queizán, recoñecida como autora do ano 2012.

Reproducimos, a continuación a información que publica La Voz de Galicia sobre o galardón que recibiu a novela A noite branca, de Francisco Fernández Naval, e o resto dos premios outorgados esa noite.

 

 

Os libreiros premian a novela «A noite branca», de Francisco Fernández Naval

A novela A noite branca, do escritor ourensán Francisco Xosé Fernández Naval, foi galardoada como o mellor libro galego do 2012 nos premios Irmandade do Libro, outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia. O xurado sinalou que decidiu premiar esta obra, publicada por Edicións Xerais, «pola ampliación de horizontes da narrativa galega, por lograr unha estrutura moi complexa na que se une a realidade dunha Galicia presente en Europa e en América e por tratarse dunha novela de dimensións históricas que consegue manter un nivel literario excepcional».

Na cerimonia de entrega dos premios, que se celebrou por primeira vez en Monforte, foi distinguida tamén a escritora viguesa María Xosé Queizán polo conxunto da súa «longa e moi definida» traxectoria literaria. O xurado apuntou que a autora destaca «por ser unha das pioneiras da nova narrativa galega e pola súa vinculación co teatro».

Outros premios

A Federación de Libreiros premiou ademais as Guías da natureza de Baía Edicións -de diversos autores- como «obra editorial do 2012» e as actividades pedagóxicas desenvolvidas polo colexio público de Quintela, no municipio pontevedrés de Moaña. O premio á mellor librería do ano recaeu en Kómic, un establecemento que funciona desde hai 25 anos en Santiago. O galardón ao fomento da lectura foi para a web Galicia Encantada, dedicada ás lendas tradicionais.

Comentarios pechados