Menu Xerais

«A veiga é coma un tempo distinto» de Eva Moreda, crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no caderno «Culturas« de La Voz de Galicia do 30 de xuño de 2011 a seguinte crítica sobre a novela A veiga é coma un tempo distinto de Eva Moreda:

Eva Moreda, autora xa dunha apreciable bibliografía entre nós, resultou galardoada con A Veiga é como un tempo distinto na última convocatoria do asentado premio Terra de Melide. A novela foi moi do meu gusto por diversas razóns e unha delas, talvez extraliteraria mais para min relevante, é a de volver acceder á temática da experiencia migratoria, facéndonos transitar polos espazos londinienses –de Portobello Road a Croyton, de Oxford Street a Brighton, de Hampstead á City- dos finais anos sesenta, retratados con acaída verosimilitude. A ollada que deita Moreda a este tempo penéirase sutilmente con certo arrecendo poético e  un alento se se quere psicolóxico, polo que o resultado dista moito dunha posible visión sentimentalista, costumista ou mesmo panfletaria. E talvez sexa así porque a autora quixo artellar unha suxestiva historia de amor entre dous personaxes, certamente frustrada como son aquelas que producen unha maior rendibilidade ficcional; e para acceder a ela fai uso dun caleidoscopio en segunda persoa que non para de xirar ata que a voz narradora se silencia e sabemos que a experiencia migratoria non vai supor vivencias traumáticas arredor da identidade ou da pertenza a un territorio ou a outro…, máis ben debulla a metamorfose nas conviccións, esa reinvención protagonizada en Elisa (ou Liz).

E esta historia sitúase, moi conscientemente, nunha atmosfera que se describe plastica e visualmente con apenas algúns trazos e que, ademais, se estrutura dun xeito intelixente  que trata ao lector, á lectora, como un suxeito activo e interviniente de maneira que se lle convida a compartir imaxes, diálogos, descricións que quedan na memoria como son a relevancia tanto do idioma propio coma do feito de confundirse no idioma de acollida; os segredos nunca confesados e estigmas que se traen canda si, en ocasións visibles e outras non, ou a reivindicación dos dereitos das traballadoras e das mulleres entre outros.

A Veiga desta proposta é, realmente, como un tempo distinto a aquel londiniense dos anos setenta que se retrata, sobre todo porque  simboliza, con fortuna, todas as Veigas que no tempo foron.

Baixo o título de «A Veiga é un domingo en Portobello Road» esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia o 30 de xullo de 2011.

Comentarios pechados