Menu Xerais

Adianto dunha crítica de Ramón Nicolás sobre «Pirata», de María Reimóndez

O crítico Ramón Nicolás adianta no seu blog Caderno da crítica tres parágrafos sobre a novela Pirata, de María Reimóndez, que escribiu para a revista A Festa da Palabra Silenciada. Reproducímolos a continuación:

Pirata é unha arriscada e rebelde proposta que lle dá forma ao desexo de recrear literariamente asuntos estreitamente ligados entre si como son a percepción que os demais poden ter de calquera ser humano, a liberdade persoal e os esforzos para conseguila e, finalmente, o das identidades sexuais, nomeadamente a feminina, a través de dúas figuras moi acaídas para o efecto como foron as piratas Mary Read e Anne Bonney, vidas que foran xa recreadas hai algún tempo por Mireille Calmel en Lady Pirate. Neste sentido as devanditas personaxes son quen dinamitan os roles convencionais facendo recaer o maior peso na evolución do personaxe de Mary Read, depositaria dunha intensa treboada interior que non escampa nin acouga até que atopa a súa verdadeira identidade (…).

A estrutura desta novela presenta un xogo moi acaído que turra do atención de quen se achegue a ela, amosando un amplo abando de recursos, entre os que salientaría un especialmente atractivo que adquire forma recorrendo á evocación de acontementos do pasado, a través fundamentalmente da memoria dos personaxes e do seu relato oral, por veces empregando algún texto manuscrito, ata chegar á  fusión dese plano co do tempo real, que tamén é histórico. Isto, ao meu ver, é o que dota á novela dunha intensidade e dun ritmo no que nunca se perde a noción de movemento continuo,  nin sequera na primeira parte onde é maior o peso da observación e da autoanálise para máis adiante acelerar a acción até a súa conclusión, dotada dun carácter aberto e suxestivo para que cadaquén imaxine o que desexe.

Quedo, para finalizar, cunha suxestiva afirmación que realiza Madame Ébano: “contar historias, imaxinar outros mundos posibles é o primeiro paso para que existan”. Abofé que a afirmación non estaba exenta de razón pois Reimóndez contribúe a visibilizar, aunando ficción e historia, outros mundos posibles.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados