Menu Xerais

Aldaolado: «Os nosos textos son serios, o humor é un modo de quitar ferro». Entrevista de Montse Dopico en «Nós Diario»

 

O xornal Nós Diario publicou unha entrevista de Montse Dopico a Lucía Aldao e María Lado (Aldaolado) sobre o libro: Ninguén morreu de ler poesíapublicado por Xerais na colección Poesía.


Aldaolado: “O noso humor non é o chiste polo chiste. Hai un fondo crítico”

Lucía Aldao e María Lado veñen de sacar Ninguén morreu de ler poesía (Xerais), a primeira antoloxía do proxecto que as une desde hai xa quince anos, Aldaolado. Poemas, cancións e historias que foron levando polos recitais cos que percorren o país, demostrando -unha vez máis- que nin a poesía en directo ten por que ser aburrida nin que dedicarse á escrita sexa imposíbel na Galiza. Nesta entrevista fan balance do que levan de andaina. Quedan coa diversión e co humor que, de cando en vez, pode axudar a ter unha perspectiva crítica da realidade.

—A idea de sacar un libro foi proposta de Xerais?

—María: Era unha idea nosa que eu lle propuxen a Fran Alonso. Xa pensaramos había tempo en facer un libro Aldaolado, pero tampouco nos convencía a idea de baixar do escenario e pornos a vender o noso propio libro…

Aldao: A iniciativa foi máis cousa de María. Como é sabido, eu teño máis alerxia e medo a publicar…

—Coñecéronse nun recital. Lucía tiña 17 anos e María fora con Yolanda Castaño…

María: Fora un recital na Fundación Seoane. Un insigne poeta dos 90 chegara moi tarde e deixara o coche parado no medio da rúa cun papel que poñía: “estou estragado, o meu dono volve en cinco minutos”. Pareceunos unha xenialidade…

Lucía: Eu fora a aquel recital, de Letras de Cal, para ver as caras da xente que lera ou estudara. E tiven por primeira vez a sensación de: “mira, esta movida pode ser divertida”.

María: É que nese momento a xente tiña moito costume de contar batalliñas sobre os poemas nos recitais. Ás veces a explicación sobre o poema era máis longa que o propio poema. Foi a primeira vez que vin que, se había algo de chiste, a xente quedaba contigo. E foi o que acabamos facendo como Aldaolado. O que contamos é algo tanxencial ao poema, algo relacionado: unha imaxe, unha sensación…

—Así naceu o humor de Aldaolado?

Lucía: Cando empecei a facer recitais xa contaba parvadas ao empezar, pero facíao para perder o medo. Non era unha estratexia. Era unha maneira de conectar cos ouvintes. Despois xa vin que o facía máis xente…

María: Si, logo vimos que é un recurso común na narración oral, por exemplo. Pero nós comezamos a facelo de maneira máis intuitiva.
Lucía: Como ademais os nosos textos son serios, o humor é un modo de quitar ferro. Cando eu tiña 17 anos, o humor era tamén unha maneira de mostrar que era unha persoa divertida e con saúde mental pese ao dramatismo dos meus textos.

—Hai unha laranxa que marca a  súa historia de amizade…

Lucía: Sendo Yolanda Castaño secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, fixéronse cousas tan interesantes como un encontro de músicos e poetas. Isto fora un congreso de poetas novos que fixeran en Mondoñedo. A min xa me dixera Yolanda que eu ía como poeta e como comisión de festas…

 

Lembra que podes ler todos estes contidos no Sermos Galiza que acompaña todos sábados Nós Diario. Podes atopalo nos quiosques, na tenda ou para a súa lectura na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes inscribirte nesta ligazón.

 

Comentarios pechados