Menu Xerais

«Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo», de Xesús Alonso Montero, en Tempo de Lecer

Tempo de Lecer Ourense informa da presentación, a pasada semana do libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo de Xesús Alonso Montero no Liceo de Ourense. Reproducimos a información:

O filólogo Xesús Alonso Montero presentou este xoves no Liceo o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, unha obra definida por el mesmo como “unha biografía científica e atormentada do lingüista” que é tamén, á súa vez, “a biografía da filoloxía española e galega en tres décadas politicamente problemáticas, entre os anos 1936 e 1966”.

Unha das características máis salientables da publicación é que nela o profesor Alonso Montero reproduce páxinas moi significativas dos 207 folios da causa 809/36 perpetrada contra Aníbal Otero.

Na súa intervención, Alonso Montero fixo un percorrido pola vida de Aníbal Otero (1911-1974), un filólogo que no ano 1936, con tan so 25 anos de idade era, nas súas palabras, “o lingüista máis versado no galego vivo e o de formación cientificamente máis moderna como fonetista, dialectólogo e lexicógrafo”. Sen embargo, o verán do 36 tronzou en boa parte a súa vida profesional cando o 5 de agosto foi detido en Valença do Minho pola Policía portuguesa que o entregou ás autoridades militares de Tui “que, sen lexitimidade política, asumiron unha detención ilegal, unha especie de secuestro”. Despois desta data comezou “o calvario dun infame proceso xudicial, a solicitude de pena de morte por parte do fiscal, unha longa condena e cinco anos de prisión en cinco cadeas distintas”.

Volta á actividade lingüística

Aníbal Otero volveu á actividade lingüística nos anos 50, pero Xesús Alonso Montero matiza que o fixo “con dificultades, con limitación de medios científicos e con moi poucos azos”. Alonso Montero sinalou que o lingüística “está dentro das coordenadas da lingüística española nos anos da Guerra Civil e nos primeiros da posguerra”, esquema no que, segundo explicou, tamén se moven os seus dous grandes mestres: Ramón Menéndez Pidal e Tomás Navarro.

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega, é filólogo, tradutor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudos e traballos


Comentarios pechados