Menu Xerais

Artigo de Daniel Ameixeiro sobre o «Dicionario dos seres míticos» en Redelibros

O escritor Daniel Ameixeiro publicou en Redelibros un longo artigo sobre a xeografía do imaxinario colectivo galego a partir do Dicionario dos seres míticos galegos, de Xoán Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda. Reproducímolo a continuación:

Este artigo pretende ser un pequeno percorrido a través do noso imaxinario colectivo, unha viaxe feita tomando como guía o Dicionario dos seres míticos galegos, de Xoán Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda.

Abelurios, Abeluiro: ser semellante ao trasno. Trátase, sen dúbida, dunha familia de trasnos xa extinguida e da que só sabemos o nome, e iso aínda non moi seguro.

Non sei a vós, pero a min, cando lin esta definición, déuseme por pensar que non é posible que estean realmente extinguidos, en todo caso (seguín matinando eu) puidera ser que marchasen a outras terras. Un pouco aquelado polo feito de que os trasnos tamén emigren, fun pasando páxinas ata que, atraído por un son que semellaba de auga pero que era tremendamente harmonioso e engaiolador, encontrei…

Ana Manana: moura encantada que vive nunha fonte que leva o seu nome, nuns penedos próximos ao Pozo Meimón, no río Miño.

As mouras, segundo se explica neste dicionario, son uns seres que viven baixo terra ou baixo a auga e que, ademais de lavar, tecer, fiar e peitear os seus cabelos, gostan de gardar tesouros. Os que viron a Ana Manana dan fe de que é fermosísima e viste de branco, e aínda que houbo intentos de desencantala, fracasaron sempre. Cóntase que nunha ocasión un home lle preguntou a un galego que viña da sega de Castela:

—¿Ti queres ser rico?

—¡Home!

—Pois verás, vas onda o Meimón, achégaste á fonte que hai ao lado e berras por tres veces: ¡Ana Manana!

Ben, como é de supoñer, non é tan fácil facerse rico, sobre todo cando tratamos con seres que teñen as súas regras e as súas normas e que gustan de poñer condicións que os humanos as máis das veces non somos quen de cumprir (dáme a impresión de que as mouras coñecen a nosa psicoloxía e os nosos puntos febles mellor ca nós).

Seguindo a viaxe a través deste dicionario, e sen esquecer os tesouros que nos prometía Ana Manana, chego ao libro de referencia no que se refire a buscar tesouros…

Ciprianillo: libro máxico que lle permite, a quen o interprete, descubrir tesouros, levitar, conxurar perigos e demiños ou nubeiros, etc. Existen múltiples versións deste libro, pero ningunha é a verdadeira.

Non é que anime moito iso de que “ningunha é a verdadeira”, pero, certamente, é mellor sabelo pois así non habemos perder o tempo buscando en balde. A non ser, claro, que deamos coa obra orixinal…

Circulou a especie de que un exemplar singularísimo do Libro de San Cipriano, probablemente o orixinal, estaba nunha sala especial, moi reservada, da Biblioteca da Universidade de Santiago. Para maior seguridade, o libro estaba fortemente amarrado con cadeas e metido nunha gaiola de ferro. Ninguén puido corroborar ese dato apuntado por Risco e xa antes por Bernardo Barreiro.

Un libro desas características, que inclúe a descripción exacta dos lugares onde atopar tesouros, os máis deles encantados, é tan perigoso que é lóxico que estivese nunha gaiola e amarrado cunha cadea. E digo perigoso porque xa causou os seus problemas…

É un feito constatado a enorme difusión do libro en Galicia e que “algúns chegaron a desatender as terras e os traballos para atender só á súa dedicación a buscar tesouros, circunstancia da que se queixou Curros nos seus coñecidos versos, onde chega a pedir a intervención dos bispos”.

Os galegos temos unha especial querenza polos tesouros. E non o digo soamente por esa especie de “febre do ouro” á que se refire Curros, senón tamén pola grande cantidade de lendas relacionadas con tesouros recollidas en numerosos libros. Un deses libros é: Mouras, serpientes, tesoros y otros encantos. Mitología popular gallega, de Buenaventura Aparicio Casado, no que se nos subministra información sobre 525 localizacións. Unha desas localizacións é o Con das Sete Pías, situado en San Andrés de Vilariño, en Cambados. Algunhas das testemuñas recollidas asegúrannos que nese lugar:

Hai unha cadea de ouro desde o Con ao Monte de Lobeira.

Hai un túnel hastra A Toxa e por el unha cadea de ouro.

Á parte destas, que fan referencia ao ouro, hai outras testemuñas que nos subministran información moi interesante sobre a xente que moraba no Con das Sete Pías:

Cando vivían alí os mouros e tiñan que mandar algún mensaxe aos que vivían en Lobeira, ataban un papel escrito a unha flecha e lanzábanlla, a flecha sempre iba dereita.

Sabemos, pois, que os mouros tiñan frechas e que había liortas entre eles (¿e por que serían?). E sabemos que eran excelentes tiradores e que usaban as frechas tamén para mandaren mensaxes, talmente ao estilo Robin Hood.

Neste mesmo libro de Buenaventura Aparicio Casado atopamos información moi interesante respecto á natureza e o motivo desas liortas que ás veces había entre os mouros. Refírome á testemuña sobre outra das localizacións: o monte da Siradella, situado no Grove. Dísenos que nese lugar hai un pozo que era a saída secreta dos mouros da Siradella, e tamén se nos di que aí houbo unha cidade de mouros, con tres castelos. Engade o relato recollido de Petronila Mascato no ano 1960 que unha princesa moura estaba en amores cun mouro dos que vivían na illa de Ons e que eran inimigos deles; os pais da princesa, que se opoñían a eses amores, convocaron aos sabios da Siradella que lles dixeron que, segundo unha profecía escrita en libros moi antigos, se casaban, desaparecerían os mouros de todo o mundo.

O final é talmente como o que poderiamos atopar nas traxedias clásicas ou nunha obra de Shakespeare. Dísenos que os pais minaron toda a Siradella e destruiron a cidade, morrendo eles e a princesa e todos os mouros que alí habitaban. Sacrificáronse eles e a cidade e os tres castelos para salvar o mundo dos mouros, pois sabían que eran incapaces de impedir o amor da princesiña e o mouro de Ons.

Unha cidade con tres castelos, amores fatais, un consello de sabios, unha profecía escrita en libros moi antigos… Perante historias coma esta, un non pode senón quedar marabillado…

Eu, que estiven bastantes veces na Siradella, podo dar testemuña de que o que se ve alí son os restos da desfeita: na aba dun dos tres outeiros aínda se pode ver unha morea grande de pedras, sen dúbida o que queda dun dos castelos. E se a un se lle dá por remexer, non sería de estrañar que debaixo desas pedras encontrásemos unha carta de amor da princesiña despedíndose do seu namorado (unha carta preparada para ser mandada cunha desas “frechas que van dereitas”). E se seguimos a remexer entre os cachotes, quén sabe, mesmo poderiamos atopar o libro de profecías no que consultaron os sabios…

Segundo ía pasando as páxinas do dicionario, ía viaxando no tempo e tamén no espazo, volvendo agora de novo á provincia de Ourense:

Antela: lagoa coa que lindan oito concellos da comarca da Limia. Nesta lagoa ou lago Beón viven acuáticos os habitantes da cidade asolagada de Antioquía. Por veces vense as torres máis altas e escóitase o badalar das campás. Entre as torres de Pena e Sandiás hai un túnel ateigado de tesouros e todo o vixían, transformados en mosquitos, os cabaleiros do rei Arturo.

Se cadra (pensei) a lagoa de Antela é a mesma de onde, tal como nos conta sir Thomas Malory no seu libro Le Morte D’Arthur, saíu a Dama do Lago para lle entregar Excalibur ao rei Arturo. Nesa lagoa, segundo explicou Merlín, hai unha cidade (“e dentro do lago hai un gran penedo, e nel un fermoso palacio como non existe outro na terra, e ricamente enfeitado”). ¿Será acaso Antioquía a cidade na que vive a Dama do Lago? Poida que si, e que desa lagoa saíse a famosa Excalibur. Ademais, como ben sabedes, o mesmo Merlín foise retirar moi pretiño, ás terras de Miranda, que todo iso e moito máis nolo contou moi ben don Álvaro Cunqueiro.

E así, páxina a páxina e entrada a entrada, seguín a ler o Dicionario dos seres míticos galegos e seguín a descubrir novas marabillas (souben da existencia de libros que se poden ler e desler; descubrín que Ith, fillo de Breogán, divisou a fermosa terra de Irlanda dende a Torre de Hércules, e que foi alá e atopouna chea de verdor, leite e mel…).

E cando cheguei á última páxina, despois desa fermosa viaxe (acompañado por Ana Manana, o Ciprianillo, a lagoa de Antela, o Con das Sete Pías, a Siradella), sentín que a miña capacidade de mergullarme nese mundo marabilloso era moito maior, tan grande que teño o convencemento de que se os abelurios volven algún día (e estou convencido de que si, de que han volver) eu hei ser quen de recoñecelos e heilles dar a benvida a unha Terra que sempre foi, e que sempre será, tamén, deles.

Daniel Ameixeiro

Comentarios pechados