Menu Xerais

Artigo de Iolanda Martínez Suárez en torno María Xosé Queizán: «A voz e os seus ecos»

Iolanda Martínez Suárez publica no último número de Protexta unha longa  recensión crítica sobre o libro de homenaxe a María Xosé Queizán, Cara a unha poética feminista, así como sobre o último ensaio da mesma autora, Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial.

A voz e os seus ecos
O volume en homenaxe a María Xosé Queizán dá conta dun compromiso feminista rexo ao longo de varias décadas de escrita, o mesmo que cruza o seu último ensaio

Lonxe quedaron os tempos nos que María Xosé Queizán se laiaba con razón do silenciamento da crítica ao que se vían abocadas a súas obras literarias ou de pensamento. Xerais acaba de publicar Cara a unha poética feminista, un libro homenaxe á escritora viguesa, no que unha coral de voces autorizadas por longas traxectorias profesionais analizan as diferentes caras dunha obra poliédrica.

Este ensaio polifónico debulla o discurso feminista e nacionalista da autora para presentarlla ao lectorado como unha escritora comprometida co seu tempo, feminista racionalista e nacionalista –por esta orde–. O resultado é un rico diálogo coa obra poética, narrativa, discursiva e co pensamento racionalista optimista e independente dunha autora pioneira e feminista representativa, outrora pouco reconecida. A proba do éxito dialóxico é a abundante intertextualidade presente nas diferentes contribucións teórico-críticas das autoras e autores, nomeadamente estudosas da literatura galega e/ou da teoría feminista, como María Xosé Agra, Mónica Bar, Olga Castro, Helena González, Marga Rodriguez Marcuno, etc., que componen o volume.
Estamos perante un texto que vén facer as funcións de crítica bibliográfica e discursiva, así como a saldar en parte a débeda pendente do sistema literario galego para coa autora, pola súa contribución á “creación dun espazo propio para a escrita das mulleres en Galiza”–en termos de Carme Adán e Mercedes Oliveira–, un mérito cada paso máis reconecido.

Cara a unha poética feminista mostra a evolución literaria e discursiva de MXQ dende a publicación da súa primeira novela no 1965, A orella no buraco –primeira mostra galega da nova narrativa– ata a publicación do seu penúltimo ensaio, Antinatura (2008). Fóra do percorrido histórico que abarca o libro homenaxe, dende os 60 ata o 2010, queda o último ensaio de MXQ, tamén publicado por Xerais, e que recibe o título de Mary Wollstonecraft e a súa criatura artificial. A propia autora, na única referencia ao texto no volume da homenaxe –durante unha entrevista con Marga do Val– afirma: “No meu próximo ensaio […] o fundamental é tratar todos os elementos: persoais, científicos, familiares, culturais, íntimos, públicos… que deron como resultado a xenial creación de Frankenstein de Mary Wollstonecraft Shelley”. MXQ consciente da importancia da escrita como ferramenta de “resistencia cultural” achégase ao universo literario da autora británica decimonónica, filla da feminista homónina autora da Vindicación dos dereitos das mulleres, para dar conta do debate entre razón e emoción que definiu a vida e obra de Mary Shelley, como tamén lle acontecera a súa nai. Queizán, sabedora de que “as escritoras poden acabar coas estruturas imaxinarias de dominadas e elaborar novos universos simbólicos xeradores de identidade” continúa no seu último ensaio o labor de visibilizar sinaturas de mulleres feministas, como vén facendo coa dirección da colección “As Literatas”, de Xerais, dende 1999, así como á fronte da revista Festa da Palabra Silenciada, dende 1983, coas traducións de varias autoras, etc. “Parir a liberdade” é o acto que máis contribúe a humanizar e desnaturalizar as mulleres segundo MXQ, e nesa medida escribir e difundir a escrita sonactos de rebeldía dunha autora que se sente cómoda tratando os temas da sexualidade e o erotismo, consciente da súa forza política transformadora.

A creación na vida e na arte atravesa o último ensaio de MXQ, Mary Wollstonecraft e a súa criatura artificial, conferíndolle unha radical actualidade ao texto. O patriarcado como pano de fondo que convén visualizar e as súas consecuencias na vida das mulleres, neste caso particular na da escritora Mary Shelley, é un dos trazos que fai reconecible o texto na bibliografía de MXQ. A temática da división dos espazos público e privado, e a transposición das mulleres ao doméstico e dos homes ao político como un dos piares ideolóxicos do patriarcado atravesa boa parte das contribucións críticas do libro homenaxe así como o último ensaio da autora.

Segundo a lóxica androcéntrica, contra a que MXQ loita en tanto feminista antiesencialista, no eido privado, as súas inquilinas, as mulleres, viven segundo os ditados da emoción, mentres que na esfera pública, os varóns se moven no eido da razón. A presentación de Mary Shelley por MXQ está feita en termos de difícil equilibrio entre a razón e as emocións, pois a escritora británica debátese entre o universo da creación que comparte co seu companeiro e os ditados sociais que a converten en filla de intelectual respectado e reputado, amante, nai solteira, etc. MXQ fai unha reconstrución da vida persoal e creativa de Mary Shelley dende a perspectiva feminista, coa creación de Frankenstein como punto de chegada. Creación de vida artificial que MXQ entende como un axuste de contas da escritora británica, como un triunfo da persoa sobre as opresións do patriarcado que a someten. Segundo a autora viguesa Mary Shelley crea vida coa súa pluma para compensar a morte da súa nai, durante o seu propio nacemento, os suicidios da súa irmá e a da esposa do seu companeiro, as mortes dos seus fetos e fillos acabados de nacer por falta de coidados. A creación literaria como acto de transformación é presentado en forma de relato histórico situado na Europa do século XIX, na pel de Mary Shelley.

Manuel Forcadela caracteriza, no volume homenaxe, a poética de MXQ co trazo do desprazamento dende o Eu ao Outro e dende o presente ao pasado. Esta mesma característica apreciámola no seu último ensaio, onde MXQ enxalza as virtudes propias –a escrita como motor transformador da sociedade patriarcal nun sistema igualitario– noutra –Mary Shelley– e vai do presente ao pasado –século XIX–. Dende os anos 80, a obra literaria e discursiva de MXQ adquire unha nova coherencia e evolución que culmina na presente obra.
Como se dunha personaxe dunha das súas novelas se tratase, Mary Shelley é presentada como unha persoa que ten que aprender a controlar os seus sentimentos e emocións, e  priorizar a súa racionalidade.

O ensaio mantén o pulso de comezo a fin, coa axuda dun recurso moi cervantino. MXQ insire na historia de vida e obra da protagonista microrelatos sobre outras personaxes históricas tales como Napoleón e Josefina, Mary Wollstonecraft e W. Godwin, Lord Byron e Augusta Ada, etc. Estas microbiografías, presentadas dende a perspectiva feminista, animan ao lectorado a turrar do fío e enriquecen o relato principal, ao conferirlle un ambiente e polo tanto unha alta dose de realismo, escorrentando a pantasma da excepción que se soe presentar para desmontar o feminismo e reforzar o sistema patriarcal.
Dúas lecturas necesarias. Por non volver ser “unha estranxeira na mina (súa) propia terra”.

Iolanda Martínez Suárez

Comentarios pechados