Menu Xerais

Artigo de Juan Antonio Pinto Antón sobre «Non hai noite tan longa», de Agustín Fernández Paz

Juan Antonio Pinto Antón publicou no xornal El Progreso un artigo sobre Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz.

Viaxes con Agustín Fernández Paz

UNHA biblioteca é como a cova de Alí Babá, chea de tesouros pero sen ladróns. Nestes días longos, en Lugo, hai tempo para todo aínda que incriblemente xibaricen o horario da biblioteca. Algúns deciden viaxar, outros abren un libro para ir máis aló de Lanzarote, dos fiordos noruegueses, de Cancún.

Atento ás novidades descobres xoias. Cae nas túas mans a novela ‘El ruido de las cosas al caer’, do colombiano J.G. Vásquez. Les, ergues a vista dis: este tipo é bo. Tiras das cereixas do cesto e saen ‘Os informantes’,’Historia secreta de Costaguana’. Colles ‘Todo é silencio’ de Manuel Rivas e les todo de quen escribe tan ben. Polos longos días de verán pasaron ‘Obertura francesa’, ‘El rombo’ de Michaelis, ‘El arte de la resurrección’.

A biblioteca de Ramón Ferreiro ten uns setenta mil libros mal contados. Non é a de Alexandría. Nin a excesiva da Cidade da Cultura: concibida para un millón de ejemplares, de momento colecciona as Obras Completas do Po e do Aire. Tampouco é a de Heidelberg [Alemaña], cidade de estatura similar a Lugo pero con dous millóns e medio de libros e onde a biblioteca é o embigo da universidade.

Volvemos á Cova de Alí Babá. Outro día atopas a un tal Serra i Fabra. Les un e acabas lendo todos. Cae nas túas mans ‘Hypatia’ de Pedro Gálvez e devoras ‘El maestro del emperador’ ou ‘Nerón, diario de un emperador’. Dun novelista tan bo hai que lelo todo. Desde o expositor reclama a atención ‘Después de la crisis’ de Alain Touraine, ‘La sociedad de la ignorancia’, entre os autores recoñeces a Marina Subirachs. Hai libros que como os melóns nos os descobres ata que os catas, ata que empezas a ler. Daquela segues os consellos de Daniel Pennac, os dereitos imprescriptibles do lector. Ler o que me pete, reler, dereito a saltar páxinas, a volver cara atrás, a deixar de ler. En definitiva, dereito a viaxar.

A última viaxe con Agustín Fdez. Paz foi engaiolante. En tan boa compaña les a última obra deste escritor admirable: ‘Non hai noite tan longa’. A trama tira de ti. Queres chegar ao final pero enfada ir tan rápido. Tentas frear, degustar a trama. Coñeces xa polo nome e polo rostro aos personaxes. Este Agustín escribe ben. Entéraste que é un tipo sinxelo, novelista de valía, tan coherente que tivo a ousadía de rexeitar, despois de agradecer, o Premio da Cultura Galega, considerando que os responsables actuais non defenden a galeguidade desa cultura. Home bo e xeneroso cargado de dignidade, puntal da nosa literatura, escribe en galego, valor engadido nestes tempos de desolación lingüística. Este creador sensible e comprometido, con xenes literarios da Terra Chá, vén de parir unha obra fermosa que cómpre degustar. Hai que ler a Agustín Fernández Paz. ‘Non hai noite tan longa’. Un apaixonante compañeiro de viaxe.

Juan Antonio Pinto Antón

Comentarios pechados