Menu Xerais

Artigo de Neira Vilas sobre «Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948)»

O escritor Xosé Neira Vilas publicou o pasado domingo en El Correo Gallego un artigo sobre Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), do profesor e investigador Xesús Alonso Montero, libro que foi Premio Ánxel Casal na categoría de non ficción.

Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) é o título dun libro de Xesús Alonso Montero (Edicións Xerais, 2009). Un libro certamente conmovedor. As cartas -120 en total- constitúen un documento estarrecente. Explícanos o compilador que se trata do epistolario máis numeroso que se teña dado a coñecer en ningún outro territorio español e que, en cambio, abundan as compilacións de cartas en análoga situación nunha vintena de países europeos tras da Segunda Guerra Mundial.

As cartas dos republicanos galegos están escritas por homes que morren con dignidade. Despídense dos seus con dor e con tenrura. E denuncian a inxustiza brutal que se comete con eles.

Nas dirixidas ós fillos dase a coincidencia de que lles piden que estuden moito e queiran á nai. Co mesmo rogo vin cartas de combatentes salvadoreños e guatemaltecos, e tal di tamén a de Ernesto Che Guevara ós seus rapaces. El non estaba condenado a morte pero ía loitar “a otras tierras del mundo que reclaman mis modestos esfuerzos”, primeiro no Congo e logo en Bolivia, onde o asesinaron en 1967.

Tiven nas mans os orixinais dalgunhas das cartas que menciona Alonso. Foi na Habana. Era veciño e amigo de Pepe Gómez Abad, fillo de Gómez Gayoso. Facilitoumas todas. Non só as de despedida, do fatídico 6-11- 1948, senón tamén outras, enviadas dende México, Estados Unidos e Chile, cando retornaba clandestinamente a Galicia, e tamén as catro extensas, conmovedoras, remitidas dende o cárcere da Coruña. Un testemuño da súa firmeza, máis alá das brutais torturas que padeceu. O ser humano, dixo Aristóteles, é capaz de accións marabillosas ou das peores iniquidades. Para ratificalo abonda con ler estas cartas. Dalas a conocer é auténtica memoria histórica.

Xosé Neira Vilas

Comentarios pechados