Menu Xerais

Astérix regresa en galego cunha historia protagonizada por unha adolescente: «Astérix: A filla de Vercinxetórix». Anotación no xornal «Praza Pública»

O xornal Praza Pública publicou unha anotación sobre o libro: Astérix: A filla de Vercinxetórix, de René Goscinny e Jean-Yves Ferri, con ilustracións de Albert Uderzo e Didier Conrad. O libro está publicado por Xerais na colección Cómics.

 

«Astérix: A filla de Vercinxetórix», de René Goscinny e Jean-Yves Ferri

Dende que en 2013 Astérix e Obélix regresaron ás librarías con Astérix e os pictos cada dous anos temos unha nova entrega dos valorosos galos, con historias que xa non contan coa participación de ningún dos seus creadores, Albert Uderzo e René Goscinny. O 24 de outubro chegará ás librarías galegas Astérix: A filla de Vercinxetórix, publicado por Edicións Xerais e que se poderá ler á vez que a súa edición francesa, inglesa ou castelá, entre outras vinte linguas.

 

Nesta nova entrega, unha misteriosa adolescente chega de noite á aldea escoltada por dous xefes arvernos. Xulio César e os seus lexionarios búscana, pois murmúrase que o pai desta enigmática visitante non é outro que… o gran Vercinxetórix, vencido dous anos antes en Alesia. O álbum é responsabilidade de Jean-Yves Ferri no guión e Didier Conrad na ilustración, como xa sucedeu nas últimas historias, publicadas nesta década.

É a primeira vez que unha adolescente protagoniza un álbum de Astérix. Trátase dun personaxe forte e independente, de nome Adrenalina, como xa adiantaron os seus autores. Na súa aventura, ademais de por Astérix e Obélix, é acompañada doutros dous adolescentes, Selfix e Blinix.

Como se pode ler na web oficial do lanzamento mundial, os álbums de Astérix foron traducidos a 110 linguas en todo o planeta, cun total de 38 títulos publicados, a maior parte deles dispoñibles na súa versión galega, con 26 álbums traducidos dende que en 1976 se publicaran os primeiros títulos en versión galega de Eduardo Blanco Amor. A versión en galego correrá a cargo de Xavier Senín e Isabel Soto e pódese adquirir por menos de dez euros. Tamén se publicará en castelán, catalán, euskera e asturiano

Comentarios pechados