Menu Xerais

Atractiva novela entre a aprendizaxe e o ensaio: «As vidas de Nito», de Xabier Paz. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre As vidas de Nito, de Xabier Paz.

 

 

Entre a novela aprendizaxe e a novela ensaio

Xabier Paz preséntanos agora unha novela de protagonista, Casiano, que, na ancianidade e desde unha residencia da terceira idade, lembra a súa vida, desde a nenez, desde cando era Nito e aínda non Casiano. Deste xeito, estamos perante unha novela de aprendizaxe pois asistimos ao proceso de formación de Nito desde a nenez ata a súa madurez, en que descobre desde o amor ata o activismo político. Mais, o Casiano vello mantén un feixe de conversas coa súa neta Aldara, en que tratan de todo o humano e divino, desde a Transición ás relacions de paternidade ou á función da literatura, de tal xeito que o relato entra no eido da chamada novela intelectual ou novela ensaio.

O autor parte da idea moi unamuniana de que non existe unha personalidade unitaria, senón que está vai variando ao longo da vida. Non son a mesma persoa o Nito neno ultracatólico, o Nito activista, o Nito desenganado tras a Transición ou o Nito ao bordo da morte na residencia da terceira idade. De aí o acertado do título, pois Nito, ou calquera de nós, non vive unha soa vida, senón varias, e en todos hai varias personalidades que van aparecendo co fluír do tempo.

A novela é tamén en certo xeito unha novela xeneracional sobre os nados entre 1945-1955. Son os rapaces educados no nacionalcatolicismo, mais que nos sesenta e primeiros setenta, ao chegaren á universidade, se politizan e chegan ao marxismo e ao galeguismo, como lle acontece ao propio Nito-Casiano. Paz retrata perfectamente o ambiente do nacionalcatolicismo onde se educa o Nito cativo, reproducindo acaidamente a linguaxe característica deste nacionalcatolicismo. Rompe así mesmo coa chamada Cultura da Transición ao presentarnos esta como unha traizón ás forzas verdadeiramente progresistas, aínda que non oculta o voluntarismo, utopismo e falta de contacto coa realidade dos mozos e mozas progresistas dos sesenta e mais dos setenta. O autor alude a este célebre desencanto dos oitenta, especialmente tras o triunfo de Felipe González, co expresivo nome de A Desfeita.

Se diciamos que o propio Casiano consideraba que había varios Nitos, que se ían renovando ao longo da vida, para dar lugar a personalidades diferentes, tamén, polo perspectivismo do relato, hai varios Nitos-Casianos, segundo quen sexa o que o mira. Nito vese a si mesmo como o idealista da política ou o namorado de África. O fillo, non obstante, veo como un egoísta que viviu á conta da familia ou que ata abandonou á súa primeira muller e o seu fillo pequeno. Aldara non sabe moi ben a quen crer e dálle un pouco a razón a todos, aínda que amosa cada vez máis compaixón polo avó ancián. Este perspectivismo é un dos méritos do relato.

Considero negativo nesta novela, malia admitir o se carácter de novela intelectual ou ensaio, o peso excesivo das digresións sobre a socialdemocracia, a posibilidade do coñecemento obxectivo, a finalidade e función da literatura e tantas outras, así como a reprodución dalgunhas das fichas de curiosidades científicas que colecciona Casiano. Asi mesmo casan mal na novela algunhas digresións, máis ou menos eruditas, como a dedicada a Papá Noel e outras similares, como pode ser a referida ao Entroido tradicional ourensán. Estas digresións, aínda que transcorren moitas veces no ámbito da conversa ideolóxica avó Casiano-neta Aldara, fan que o lector canse e dan a sensación de ser un elemento postizo, coma se o autor as tivese escritas e as metese na novela para que non queden sen publicar.

Mais o balance xeral para a novela resulta positivo, pois son acertos indubidables a presentación do proceso de aprendizaxe de Nito, que vai do nacionalcatolicismo á militancia de esquerdas e idealista dos sesenta-setenta ou ao desencanto dos oitenta, que o protagonista denomina co expresivo nome de A Desfeita. Malia que resulten por veces pesados ou que non casen ben no relato, moitas das súas reflexións sobre a morte, a literatura ou incluso o proceso de envellecemento e deteriorización que sofre o protagonista teñen así mesmo un mérito e valor innegables para o lector. Non menos interesante resulta a presentación da personalidade en continua evolución e cambio, de tal xeito que non hai un só Nito-Casiano, senón varios, tanto por esta propia evolución, como pola opinión dos demais. Xa que logo, resulta moi acaída esta combinación entre novela de aprendizaxe e novela intelectual, sen esquecer de ningún xeito o seu carácter xeneracional, como indicamos enriba.

En canto á lingua, saliento sobre todo a aclimatación que o autor realiza do léxico propio das ciencias naturais, especialmente da bioloxía, ao rexistro culto e literario. Cómpre, como fai nesta novela Xabier Paz, que o léxico característico das ciencias naturais penetre xa non só no rexistro culto do galego, senón tamén no literario. Por outra banda, ao longo das máis de trescentas páxinas desta novela, o autor mantén un galego de calidade, con logros importantes como a reprodución, xa aludida, do rexistro do nacionalcatolicismo ou mesmo do progresismo dos anos sesenta-setenta, mais iso non quita para que aparezan algúns erros, que salientamos, máis por espallar o estándar académico ca por afán de policías da lingua. (…)

Volvendo ao rego, estamos perante unha novela á que lle poden sobrar algunhas digresións, mais que co seu devalar entre a narración de aprendizaxe, a intelectual e mesmo a xeneracional resulta moi atractiva. A interpretacións que realiza da personalidade, da Transición, da xeracións dos nados na década dos cincuenta ou da ancianidade resultan así mesmo moi atractivas. Cómpre ás veces facer un esforzo para lela, mais este esforzo paga ben a pena.

Manuel Rodríguez Alonso

 

Comentarios pechados