Menu Xerais

Berta Dávila: «Con este libro estimaba que tiña que facer un texto honesto, directo e limpo». Entrevista no «Sermos Galiza» sobre «Raíz da fenda»

O xornal Sermos Galiza publicou unha entrevista de Carme Vidal a Berta Dávila na que fala sobre o libro de poesía: Raíz da fenda. O libro gañou o XV Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu – Premio da Crítica en Lingua Galega 2014, e está publicado por Xerais na colección: Poesía. (Imaxe: Distrito Xermar – Sermos Galiza).

 

BERTA DÁVILA:

“O sentimento de perda é universal e todo o mundo pode compartir esa experiencia”

A primeira edición de do seu libro poético “Raíz de fenda” (Xerais), premio Johán Carballeira, esgotouse en tan só un mes. En dous meses Galaxia mandou ao prelo a segunda edición da novela “O último libro de Emma Olsen”, gañador do premio Repsol e ao tempo sorprendía con “A fuxida” (Biblos), o seu primeiro libro de literatura infantil A escritora Berta Dávila é candidata a autora do ano nos premios da Asociación Galega de Editores, en resposta a uns intensos meses nos que o seu nome saltou con forza ao primeiro plano do noso panorama literario. 

-Aparece como candidata aos premios da Asociación Galega de Editores en dúas categorías, mellor novela e mellor autora. É o resultado dun ano literariamente feliz?

Para min é absolutamente sorprendente, algo que non agardaba. Non contaba coa recepción que tiveron nin a novela nin o poemario. En especial a resposta da crítica e a xente, moi emocionante para unha autora que empeza. Recibir mensaxes e correos de persoas que te len e gozan co que escribiches é o mellor premio. Nunca vivira con tanta intensidade a recepción dun libro e estou un pouco abraiada.

-Moitas críticas valoran a madurez da novela. 

As miñas mellores especulacións consistían en poder publicala mais todo o que aconteceu foi inesperado.  Que me desen un premio como o Repsol e que se publicase de seguido e que fose tan ben recibido non era algo que estivera nos meus cálculos. Todo foi moi rápido e sorprendente. Cando estaba a escribir o libro en marzo, tiña a certeza de que era un texto pouco vendíbel, pouco interesante par un premio, pensaba que non se ía publicar nunca.

-A súa novela que ten como protagonista unha escritora nace ao contemplar unha fotografía de Anne Sexton a quen homenaxea na novela. É un xogo de complicidade de creadoras?

A filla de Emma chámase igual que a de Anne Sexton. Xurdiu dunha fotografía na que estaba diante dunha máquina de escribir. Para min era a imaxe dunha escrita confesional, moi valente. O que fai Emma Olsen é facer unha retrospectiva con respecto a si mesma e contarnos o que quere que saibamos. A ficción é iso, contar o que queremos que os demais vexan de nós. Hai xente que pregunta se coincido con determinadas frases que di Emma Olsen e ás veces coincido e ás veces non mais é un xogo interesante. Notas como as persoas que o leron entran no texto.

-Sitúa a súa protagonista á beira da morte, nesa fronteira na que a sinceridade se impón. Quixo darlle máis intensidade con iso ao relato memorialístico? 

Tratei de responder á pregunta de que contarías cando vai ser o último e xa non agardas resposta. Interesábame como escrita de extremos, do momento no que xa non hai nada que ocultar porque tampouco hai futuro.

-Cando alguén decide escribir un libro memorialístico é porque valora que ten unha biografía que contar. Escolleuno como fórmula para relatar unha historia intensa?

A trama do segredo é importante no relato porque tiña que ter un elemento que levara ao lector desde o inicio ao fin. Cando escribes o que a ti che interesa é un acto, en primeiro lugar, egoísta. Ninguén se enfrontaría a escribir un texto deste estilo se non tivera un motivo poderoso para contalo.

-A novela inclúe un importante exorcicio de metaliteratura, unha reflexión sobre a propia escrita. 

É como unha boneca rusa. Escribo sobre unha escritora que escribe e fala de como escribe. Coincidiu na época na que estaba ultimando  “Raíz de fenda” que supuxo un cambio importante na miña escrita. Moitas reflexións que están contidas sobre os procesos de escrita estaba a vivilas enfrontándome aos meus propios textos. Interésame reflexionar sobre o propio feito de escribir, darlle voltas. Sinto necesidade de escribir tamén para ordenar as ideas e no libro están contidas algunhas teimas como a escrita como elección e os propios procesos de dúbidas.

-Entre esas reflexións de Emma atópase a condición da escrita como necesidade e tamén como oficio solitario, comparte esa opinión?

Cando escribía os primeiros textos tiña a idea da escrita como algo necesario que agora non teño tan claro. Non se me impuña externamente senón que se trataba dunha escolla persoal e, nese sentido, cobraba maior importancia. A Emma tamén lle acontece mais a diferencia é que ela está a rematar a súa traxectoria e eu a iniciala. A verdadeira vocación da escritora é a soidade, di a novela e eu tamén o comparto mais iso non impide que pense que a literatura serve para unir persoas. Preciso a soidade para escribir, ese espazo en branco no que estás ti sen ninguén máis que, por veces, tamén é unha maneira de atopar un mundo distinto ou mesmo vencer a timidez.

-No seu blogue “confabularionovo” recolle a frase do escritor luso Afonso Cruz na que di que “a ficción é a mellor maneira de dicir aquilo que xulgamos verdadeiro”. Explica, en certa medida, a xénese da súa novela?

Escoitei a cita nun curso de literatura infantil do Porto uns días antes de presentar o libro e foi unha especie de revelación. Se fixera unha escrita confesional posibelmente diría máis medias verdades que escribindo unha novela. Se fago unha crónica de non ficción deixaría fora unha serie de percepcións, de “entrevisións” que chamaría Cortázar, porén, nunha novela cobran máis peso, é máis verdade. Contamos máis verdade cando escribimos ficción.

-A fuxida (Biblos) é o seu primeiro libro de literatura infantil. Por que se estrea neste ámbito cun relato sobre a guerra e o exilio?

Cando tiña a idade dos nenos e as nenas ás que vai dirixido este libro facíame moitas preguntas sobre esta cuestión. A miña experiencia é que os nenos preguntan todo, o fácil e o difícil, e a min apetecíame tratar este tema. Eu imaxinei un exilio político dunha familia que ten que marchar, que se agochar primeiro na casa duns parentes e abandonar logo o país.

-Esa fuxida, ese exilio, ten elementos comúns aos que se puideron dar noutros tempos e en case calquera lugar. 

Pode estar a suceder agora mesmo ou pode que aconteza no futuro. En cada país nas que hai unha guerra hai persoas que teñen que marchar. Teñen circunstancias miserábeis para a xente, á marxe das marcas de localización.

-Tabucchi dicía que a investigación dá datos pero a literatura comunica a dimensión, as emocións da historia. Que pode facer, ao seu ver, un relato contra unha guerra?

A reacción de personaxes é unha maneira de achegar unha figura coa que os lectores se poden identificar. No caso deste libro a nena Nadia é a personaxe central e os adultos só teñen nomes en relación co parentesco que manteñen con ela. A literatura serve para contar ese outro lado das cousas, a intrahistoria que non está nas cifras mais pode intuírse. A min a triloxía de Judith Ker e, en concreto, ,”Cando Hitler roubou o coello rosa”conmoveume de maneira intensa e explicoume máis elementos da Segunda Guerra Mundial que outros textos que lin posteriormente.

-En poucos meses publicou un volume de poesía, unha novela e un libro de literatura infantil. Como se fai esa travesía literaria? 

As datas de publicación non coinciden coas da escrita. Comecei a traballar con Inma Doval, autora das ilustracións, en “A fuxida” no ano 2011. Cando o puxemos na man da editorial aínda non saíra “Raíz de Fenda” e non rematara “O derradeiro libro de Emma Olsen”. Normalmente traballo en varios proxectos ao tempo, igual que fago na lectura, e iso explica tamén que prolongue os meus tempos de escrita.

-Con “A fuxida” preséntase unha nova escritora para a LIX?

Cando rematas un proxecto vén un tempo no que domina a incerteza sobre o futuro. Non me atrevería a asegurar nada mais o certo é que me gustaría continuar. Son moi lectora de libros infantís. Teñen unha linguaxe diferente e para min é un reto poder escribir algo que considere digno de nenos e adolescentes. Escribir nunha prosa que se axuste ao interese dun lector desa idade é un reto bonito.

-O salto na súa carreira literaria vén con “Raíz de Fenda”. Cal é o segredo de que, sendo un libro de poesía, a primeira edición se esgotara en tan só un mes?

Estou abraiada e agradecida. Non teño unha explicación a que iso pasase nin era algo agardado. O certo é que houbo persoas que me escribiron falando das súas fendas, das súas carencias. Ás veces eran relatos íntimos que me sorprenderon e me emocionaron. Traballei moito tempo en depurar o libro. Era necesario porque trataba de falar da perda no sentido máis esencial e da poesía como resposta. Creo que o sentimento de perda é universal e todo o mundo pode compartir esa experiencia.

-Esa comuñón de sentimentos contribúe, ao seu ver, á boa aceptación do libro?

O que percibín nas persoas que se dirixiron a min é que se viron reflectidas en ocasións. Este acontecemento é moi emocionante para quen escribe, saber que hai persoas que se senten conmovidas por algunha parte do libro porque lles axuda a sandar as súas fendas.

-Esta é unha palabra que emprega no poemario. Sandar. A poesía, a escrita literaria, ten para vostede esa forza curativa?

No meu caso non é así, non é reparadora senón o contrario. Abre fisuras, cicatrices que cría que estaban agochadas. A poesía permíteme afondar nelas como unha procura, unha arma para adentrarnos na fenda e atopar o que somos realmente, despois do exercicio humano de tapalas o máis axiña posíbel. Non foi, polo tanto, botar fóra senón traballar ou profundar desde o punto de vista literario nesas feridas mal pechadas.

-Ese proceso que describe, abrir feridas para que logo pechen, evocoume o camiño da psicanálise.

Pode ter similitudes, nunca o pensara así. Trátase de facer xustiza coas feridas. A poesía comporta moitas veces un traballo de introspección aínda que eu non o identifico con ese proceso. Rara vez escribo poesía cando me manca algo, é despois cando nacen os poemas. Para min non ten ese valor confesional ou de terapia. É certo que afondo en temas persoalmente importantes para comunicar aos outros, para compartir.

-Ten afirmado que vostede é unha antes de “Raíz de fenda” e outra despois. É a escrita do libro a que produce esa ruptura?

Non sei se mudei ou se o libro me mudou a min porque se deu tamén un cambio na maneira de afrontar a escrita. Que trate temas importantes para min como perdas ou ausencias fixo que desbotase máscaras, trampas ou artificios que usaba para escribir. Tratei de escribir este libro quitando en lugar de poñendo, limpando o que sobraba, o que estaba de máis, esas ferramentas da que se bota man polo seu efecto e non pola súa pertinencia. Estimaba que tiña que facer un texto honesto, directo e limpo. Ese escribir non coma quen lanza unha pedra senón coma quen a lima é o intento que fixen e nese sentido supón unha grande mudanza.

-Como era entón o seu oficio de escritora antes deste libro?

A escrita no inicio era máis acumulativa, tiña ganas de contar e, en certa medida, ir ao espectacular, e iso mudou á posición contraria. Agora busco tirar máscaras, adornos, presentar o poema sen barreiras artificiais entre o texto e os lectores.

-Os anos van sumando feridas, ausencias, e, nese sentido, por momentos tiven a sensación de que a obra era dunha autora maior.

Ese comentario fíxomo un dos primeiros lectores do libro. Creo que todos temos experiencias de perda. Aquí aparecen esas fendas mais tamén a experiencia do desamor ou a relación coa estirpe, a sensación de pertenza e rexeitamento, son outras caras da carencia. Creo que todo isto se sente a todas as idades.

– Pode tirar algúns elementos comúns que definan a súa traxectoria?

A miña liña de escrita está en construción. Estou aprendendo. Esa é a miña marca persoal, aprender e afondar en distintas cuestións que me preocupan. Observo elementos que se repiten aínda que desde fóra non teño claro que se aprecien. Interésame o acto de escribir, a reflexión sobre o feito literario aparece nos meus libros e nos meus traballos máis recentes. Dalgunha maneira, é tamén a opción de lectora. Os poetas que me gusta ler abordan os actos de escrita.

-Case todos os seus libros foron premiados. Os concursos literarios son a mellor maneira de promoción?

Cada premio significou algo diferente. Na adolescencia era unha maneira de dicir que me gustaba escribir. Son tamén, ás veces, a única maneira de publicar un libro que doutra maneira non vería a luz. Cando gañei o Premio Biblos tiven unha oportunidade para aprender xa que fun afortunada á hora de contar con Agustín Fernández Paz como titor.

-Recoñece marcas de xénero na súa escrita poética?

Neste libro hai unha presenza grande das mulleres que fan unha familia e dos homes con esa marca de autoridade. En certa maneira creo que iso non está tanto na maneira de escribir senón en deixar algunhas mensaxes sobre “elas”, as “elas” que foron importantes. De feito, o meu primeiro libro estaba dedicado ás mulleres excepcionais da miña familia e nese sentido creo que recibín o seu legado e que está sen dúbida na miña escrita.

-Esa posición outórgalle contido social a súa poesía?

O concepto de poesía social pode entenderse desde moitas perspectivas e eu creo que está presente no libro. Nun dos poemas, a voz poética fálalle á avoa que non sabía ler, máis si todo o demais, o importante. A reivindicación desa outra historia, do que importaba, do que non foi contado, está dalgunha maneira aí, desde unha perspectiva persoal e tamén social.

-Por que un origami está na capa e preside o booktrailer do libro?

Gustábame que esa idea se vencellase ao libro. As normas do origami teñen a ver coa escrita poética. Coas mans, sen trucos, sen trampas, sen imposturas.

-A súa é unha xeración marcada pola crise, está a deixar pegada na literatura?

A literatura comunica visións do mundo e é imposíbel e deshonesto abstraerse do que vivimos. Temos que deixar de estar instalados no fracaso porque nós somos máis. Compre dar unha patada no chan e interésame que a poesía participe desa rebelión. Gustaríame que fose ferramenta para a revolta deste tempo.

Deixa un comentario!