Menu Xerais

Berta Dávila, Premio da Crítica 2014 por «Raíz da fenda»

A escritora compostelá Berta Dávila (foto de Paco Rocha) resultou gañadora do Premio da Crítica 2014 polo seu poemario Raíz da fenda, editado por Xerais, que vai xa na 3ª edición. O poemario, un dos libros de poesía máis reeditado nos últimos anos, fora galardoado tamén coa XV edición do Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu. Canda Berta Dávila, o premio en Narrativa foille concedido á escritora Anxos Sumai pola súa novela A lúa da colleita.  En lingua catalá foron premiasdos os autores Pep Coll (en poesía) e Carles Duarte (en narrativa), así como Bernardo Atxaga e Joxan Artze no apartado correpondente á literatura vasca. Os premios foron dados a coñecer o pasado venres pola alcaldesa de Logroño, Concepción Gamarra e o presidente do xurado do Premio Nacional de Crítica Literaria, Ángel Basanta. En lingua castelá os premios foron para Rafael Chirbes e para Antonio Hernández. No acto do fallo dos premios participou tamén o secretario da Xunta Directiva da Asociación Española de Críticos Literarios, Enrique Turpín.

Raíz da fenda de Berta Dávila esculca nas perdas que nos mudan para sempre:: a ruptura coa familia e a estirpe para pescudar quen somos, a vivencia da morte dos que amamos, a enfermidade, a traizón ou o abandono do desamor. Raíz da fenda é un libro sobre as feridas que nos atravesan, esas que abren unha fisura sobre a pel e que nos cambian para sempre. Cada unha das súas cinco partes analiza un tipo de perda diferente desde unha perspectiva íntima e crúa, que desbota o artificio.

O poemario de Berta foi acompañado, desde a súa publicación, dunha excelente acollida por parte da crítica, así como por un firme apoio dos lectores e lectoras.

 

 

 

Comentarios pechados