Menu Xerais

«Cabalos e lobos», de Fran P Lorenzo: cartografía do “spleen” vigués. Extracto dunha reflexión do propio autor

O escritor Fran P. Lorenzo reflexiona en torno á súa novela Cabalos e lobos no Sermos Galiza 217. Publicamos o extracto do artigo que figura na web de Sermos Galiza.

 

«Cabalos e lobos»: cartografía do “spleen” vigués

Hai un tipo de melancolía que non se pode apreixar e que ten que ver coa saudade ou con iso que os románticos chamaron o spleen. No seu libro de pequenos poemas en prosa, O spleen de París, Baudelaire logrou conectar ese sentimento agre coa vivencia da cidade, do ser entre a multitude, do individuo enfrontado a si mesmo na paisaxe urbana. Existe o spleen e atrapalo, enclaustralo dalgunha maneira nunha páxina, facelo permanecer, foi para min un dos principais estímulos narrativos de Cabalos e lobos (Xerais, 2015). Dúas mulleres, nai e filla, camiñan do brazo, reconciliadas, unha tarde solleira e fría de outubro pola rúa Urzaiz abaixo. Iso é un final e un principio. Nesa luz, nese spleen vigués, nese amor recuperado delas dúas, inscríbese todo a miña ambición narrativa. Non hai máis. En Cabalos e lobos quixen coñecer, en realidade, a orixe de todas as frechas sen orixe que a miña cidade disparou durante décadas no meu costado: o solpor contra os muros da Panificadora, o skyline desde o medio da Ría, as lanchas de pasaxe, o perfil exacto das Cíes desde o Paseo de Alfonso, a bucina dos transatlánticos e o salitre que batega sobre os piñeiros de Alcabre e bendice o amor de dous homes. As folgas de 1972, o pentecoste de linguas estranxeiras que mariñeiros e traballadores de medio mundo traían á liña da baixamar, a arquitectura que desapareceu, a negación da nostalxia pola obriga de sobrevivir.

A Pessoa abondoulle unha frase de Lisboa, o que o turista deve ver, unha guía escrita por el en 1925, para captar, ao meu ver, a esencia do spleen: “A memoria dunha cidade é tamén a memoria dun amor”. Esta novela –Premio Blanco Amor 2015- nace do amor á cidade e é un xeito de render contas con ela. Costa Beckmann, Paula, a principal voz narradora de Cabalos e lobos, expresa con exactitude esta fusión activa á que me refiro: “Esta cidade é o músculo da miña vida…”, afirma. E conclúe: “En realidade Gran Vía nº2 e a miña cidade son a mesma cousa. Non sei que é o que está dentro de que. Non sei onde empezo eu, onde remata a miña casa e onde principian os tellados de Vigo”.

Comentarios pechados