Menu Xerais

Calidade literaria e valor histórico para explicar o mar: «Contos do mar de Irlanda», de Xurxo Souto. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog unha recensión crítica sobre o libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto.

 

Narrativa épico-etnográfica

Xurxo Souto reúne neste volume un bo feixe de relatos curtos que nos presentan a vida cotiá dos mariñeiros galegos no Gran Sol. O autor, acertadamente, non se centra na descrición polo miúdo do traballo do mar, senón que ofrece retallos da vida cotiá: a convivencia nos barcos, as festas, as relacións coa familia, as amizades e amores que xorden nos portos irlandeses. E así un bo mangado de temas similares, que nos ofrecen a intrahistoria dos mariñeiros de altura do Gran Sol. Os relatos producen a impresión que deben moi pouco á imaxinación do autor e espertan no lector a sensación de que está diante dun documento etnográfico. Mais a dureza da vida destes mariñeiros, que a soportan dun xeito estoico, leva así mesmo os relatos polos vieiros da épica, do que alguén chamou a épica dos pequenos oficios ou da xente que non é quen, en principio, de figurar nos terreos da epopea, mais que son os auténticos heroes.

Na literatura galega non adoita aparecer a Galicia mariñeira. Os clásicos, desde o Rexurdimento, parecen descoñecer o mar. Eu só lembro comentar nos últimos anos un texto que toca o tema, Os ausentes de Casteltón, de Jacobo Barros. Por iso, o autor cobre un oco con estes relatos etnográfico-épicos dos mariñeiros galegos do Gran Sol. Como adoita ser frecuente na narrativa etnográfica, os propios personaxes convértense eles mesmos en narradores e o autor transcribe (iso si, convenientemente literaturizados) os relatos dos propios mariñeiros. Como xa dixemos, non incide o autor, dun xeito realista tradicional, en presentar polo miúdo os labores da pesca, senón que ofrece basicamente o lado emotivo deste traballo. Como acontece no novo xornalismo, quedan difusas as estremas entre o real e o que é engadido-fábula do autor, ou dos propios informantes, que cando lembran recrean coa fantasía. Mais o lector queda coa impresión de que está perante algo moi real e que aconteceu de verdade. Iso é o propio do relato etnográfico-épico e mais tamén do novo xornalismo.

A épica aparece, máis que na dureza do traballo (aínda que tamén estea presente), nos elementos emotivos da separación da familia, das mozas, dos entretementos habituais e mesmo das comidas que sofren os mariñeiros de Gran Sol e as súas familias. Mais iso supérase cos cociñeiros habilidosos dos barcos, coas festas que se montan nos pesqueiros e ata coas relacións con mozas irlandesas ou coa alegría das voltas á casa. Pero, a pesar das boas intencións dos mariñeiros e das súas familias por superar a dificultade desta vida, sempre está a aparecer a morte representada polos naufraxios, nunca previstos, ou polos accidentes laborais na pesca de altura. Non obstante, pese a todo, estas xentes tiran para adiante e todo o superan. A súa grandiosidade moral é impresionante. De aí que sexan verdadeiros heroes épicos.

Fronte aos tópicos da Galicia eminentemente labrega e conservadora da nosa literatura clásica (xeración Nós, Cunqueiro-Fole, Ramón Piñeiro e seguidores), o autor preséntanos unha Galicia mariñeira e progresista, formada polo eixe Coruña-Vigo, que aposta polas novas tecnoloxías e mais polo progresismo político e sindical. É de gabar o comentario que dedica Xurxo Souto a ese impresionante libro, que todos os galegos deberiamos ler,  Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionisio Pereira, que, por certo, comentamos aquí alá polo 2011.

En fin, por todo o dito, recomendamos a lectura deste libro pola súa calidade literaria, mais tamén polo seu valor histórico para comprendermos a historia recente de Galicia no referente ao mundo do mar, cuxo tratamento no resulta habitual na nosa literatura. A utilidade deste libro tamén resulta grande para comentar relatos del nas clases da segunda etapa de Primaria, Secundaria e Bacharelato, xa non só en Lingua, senón tamén en Historia. Os rapaces e rapazas teñen nestes relatos un moi bo testemuño do que era a vida do mar no pasado século e aínda hoxe. Cumpriría que agora alguén fixeso o mesmo que aquí realizou Souto cos gransoleiros cos emigrantes a Europa dos anos sesenta.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados