Menu Xerais

Cando ler o xornal é viaxar polo mundo: «Veleno de tinta impresa», de Xosé Antonio Neira Cruz. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica e nas páxinas de Cultura do xornal La Voz de Galicia unha anotación sobre o libro: Veleno de tinta impresa, de Xosé Antonio Neira Cruz, publicado por Xerais na colección Narrativa. O libro gañou o Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo, 2019.

 

Veleno de tinta impresa, de Xosé Antonio Neira Cruz

O escritor compostelán Xosé Antonio Neira Cruz resultou galardoado co premio Ánxel Fole de Narración Curta coa novela Veleno de tinta impresa, publicada por Xerais hai escasas datas. É esta unha proposta moi singular que se beneficia do discurso literario experimentado do autor e que aposta por xogar coa ficción e coa historia co pano de fondo da reivindicación da figura da xornalista galega María Luz Morales, facilmente recoñecible tras o personaxe de Elvira Morales e respecto da que se tecen uns imaxinados primeiros pasos na redacción de La Voz de Galicia —retratada con especial minuciosidade— nos tempos en que exercía como director o xornalista andaluz Miguel Sawa cando as linotipias introducían cambios relevantes para a información escrita. Época que Neira xulga como aquela na que se poñen «as bases de moitas realidades políticas e ideolóxicas fundamentais para entender o devalar dos tempos».

O autor non pretendeu realizar historia do xornalismo nin un texto biográfico de Morales, antes ben é esta unha «novela de época ou histórica» na que é evidente un recoñecemento persoal á profesión pois «pertencendo a una xeración xa vencellada ao xornalismo postelevisivo e aos inicios da dixitalización, aínda vivín os últimos estertores desa vella forma de informar; e porque nesa memoria amarelenta e esquecida das hemerotecas —que considera fonte imprescindible desta obra— gárdase unha dimensión valiosa da nosa historia, ás veces non suficientemente tida en conta».

Hai nesta novela, minuciosa e rigorosamente documentada, alén desa reivindicación, outra máis xeral como é a de reconstruír o ambiente cultural, e tamén político, da cidade da Coruña de inicios de século XX en que pululaban mulleres que aínda hoxe reclaman a atención como Francisca Herrero, Fanny Garrido, a Pardo Bazán, María Barbeito, Elvira Bao, Amparo López Jeán, María Miramontes ou unha fugaz Bela Otero de paso incógnito pola cidade: moitas delas guiadas por unha confluencia como era a de gañar o dereito ao seu propio destino para poñer enriba da mesa tanto a vixencia «da historia das mulleres que ficou nun segundo plano, se non directamente esquecida» como, ao tempo, «lembrar A Coruña nunha época moi interesante para esa cidade».

Nunha páxina desta novela o avó de Elvira Morales dille que ler o xornal é como viaxar polo mundo. Este libro reclama tamén non abandonar a visión que entende a prensa como ferramenta de educación, alén da súa función informativa. Sen dúbida onte, coma hoxe, este é un extremo que segue a ser certo.

 

Deixa un comentario!